Última competición galega de inverno para o Waterpolo Pontevedra
Por Almu Dapena
Seis equipos galegos mediranse este sábado 6 de abril no Campionato Galego Infantil Mixto de Inverno que se celebrará no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Trátase do último campionato galego de inverno de waterpolo que quedaba por xogar.
A competición comeza ás 10:30 horas cunha fase de dous grupos. De aí, os equipos que queden en primeiro lugar disputarán a final, os segundos xogarán polo terceiro e cuarto posto, e os que queden de últimos competirán polo quinto e sexto.
Os equipos que participan no campionato son o Club Waterpolo Pontevedra, o Náutico de Vigo, os equipos A e B do Club Waterpolo Santiago, a Asociación Coruñesa de Waterpolo e o Club Natación Coruña.
Horario:
- Fase de grupos: 10:30 horas
- Quinto e sexto posto: 17:00 horas
- Terceiro e cuarto posto: 18:00 horas
- Final: 19:00 horas
A próxima cita que teñen os deportistas do Waterpolo Pontevedra será do 11 ao 14 de abril en Elche onde 4 mozas e 3 mozos do club competirán no Campeonato de España de Selecciones Territoriales.