Deporte e solidariedade para celebrar San Aquiles no campus pontevedrés
Por Redacción & Nacho Fuentes
O clima adverso desluciu a primeira carreira popular solidaria organizada este xoves polos alumnos da Facultade de Fisioterapia con motivo das celebracións do seu patrón, San Aquiles, pero non minou un chisco o ánimo dos participantes.
Ao redor de medio cento de deportistas completaron os 2,7 quilómetros de percorrido da proba na Illa das Esculturas, entre os que se atopaban estudantes, docentes e membros da comunidade educativa.
Diego Paz, ex alumno, e Leticia Fernández, estudante da facultade, foron os primeiros en chegar á meta, pero iso era case o de menos. O importante era colaborar coa asociación Amencer-Aspace.
O custo da inscrición, á que se anotaron 90 persoas, foi doado integramente á entidade.
Ademais segundo explicou á Universidade de Vigo Teresa Bellón, unha das responsables da organización, "preto de 20 persoas inscribíronse na modalidade de dorsal 0, xa que se trataba de xente que quería colaborar".