Os nenos e nenas ingresados no Hospital Provincial reciben a visita de xogadores e adestradores do Pontevedra
Por Redacción
Os nenos e nenas ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) recibiron este venres unha visita especial, de xogadores e adestradores do Pontevedra Club de Fútbol.
Edu Sousa, Romay e Álex González, xunto ao primeiro e segundo adestrador do primeiro equipo, Luismi e Jesús Ramos, compartiron experiencias cos pequenos, que agardaban a visita con expectación.
Ademais de repartir material promocional do equipo, os futbolistas tomaron fotos, asinaron autógrafos e charlaron cos cativos.
A visita á área de pediatría do Hospital Provincial, que se realizou tras o adestramento do equipo na Xunqueira, estaba enmarcada dentro dos actos de celebración do Día Mundial da Actividade Física.
PEDRO VÁZQUEZ, DÚBIDA PARA O DOMINGO
No plano estritamente deportivo, a actualidade pasa polo estado físico de Pedro Vázquez, que aínda que realizou este venres boa parte da sesión co resto dos seus compañeiros segue entre algodóns, o que deixa no aire a súa presenza no duelo do domingo (17:00 horas) en Pasarón ante o San Sebastián de los Reyes.