A falta de Silvia Aguete na portería debilita ao Poio ante o Penya Esplugues (3-5)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Poio Pescamar, tras a dura derrota da pasada semana en Lugo ante o Burela, encaixou este sábado outro mal resultado na pista do Penya Esplugues. Xa no pasado mes de novembro as locais non foron quen de derrotar ás catalás en casa. E agora, a falta de cinco partidos para o final da tempada, as 'rojillas' desaproveitan a oportunidade de meterse de cheo nos postos máis altos da clasificación, notando a ausencia na portería de Silvia Aguete.
Comezou moi ben o cadro local, que parecía facerse co control do choque. Con todo, un gol de Ale de Paz en propia porta aos cinco minutos do inicio, cambiaría tórnalas e poñería ás visitantes por diante no marcador. Xusto despois, cun saque de esquina das barcelonesas, Celia non dubidou en aumentar a súa renda e establecer o 0-2.
Pero non baixaría os brazos o Poio, que, por medio de Dani Sousa recortaría distancias un minuto despois (1-2). Continuaron pelexando por un empate que non chegaría no que restaba de primeira parte, chegando, mesmo, a encaixar un gol máis de Marta de los Riscos. Así, cunha vantaxe de dous a favor das catalás, chegaría o descanso.
Tras a continuación, as 'rojillas' buscaron máis intensidade no seu xogo. Tanto foi así, que crearon varias ocasións de perigo sobre a portería catalá. Pero sería o Esplugues o que inauguraría o electrónico na segunda metade, nesta ocasión, cun gol de Pilar desde fóra da área (1-4).
Con poucas esperanzas de remontar, Dani Díaz optou polo xogo de cinco. No 11', Jessi conseguiu anotar o 2-4 nun ataque posicional en estático. Tras unha perda de balón do Poio, Celia volvía facerse co control, anotando o quinto das visitantes a porta baleira desde cancha propia. Finalmente, Ale de Paz estableceu o definitivo 3-5 cun tanto de falta directa.
POIO PESCAMAR (3): Irene; Ceci, Dani Souza, Ale de Paz, Jenni (quinteto inicial), Jessi, Irene García, Cárol e Lidiane.
PENYA ESPLUGUES (5): Muniesa; Laura Oliva, Celia, Arantxa, Estela (quinteto inicial), Marta de los Riscos, Nerea, Pilar e Zoe.
Goles: 0-1 Ale de Paz (5' en propia porta), 0-2 Celia (9'), 1-2 Dani Sousa (10'), 1-3 Marta de los Riscos (20'), 1-4 Pilar (25'), 2-4 Jessi (31'), 2-5 Celia (34') e 3-5 Ale de Paz (37').
Árbitros: Dacal Deza e Sierra Márquez, do colexio galego, que mostraron cartulina amarela a Ale de Paz, do Poio Pescamar, e a Estela, Arantxa, Celia, Marta de los Riscos e Laura Oliva, do Penya Esplugues.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal de Poio, ante máis de 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Desafortunada derrota nos últimos minutos do Poio Pescamar ante o Atlético Navalcarnero (4-5)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Poio Pescamar xoga con Jessi na portería e vence ao Majadahonda en Madrid (0-1)
Por Redacción |
-
Igualadísmo partido entre o Leganés e o Poio Pescamar con final feliz para as vermellas (0-1)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Burela mantense firme no seu liderato tras golear ao Poio Pescamar (5-1)
Por Sofía Lorenzo |
-
Tres novos puntos ante o Roldán para un Poio que pelexa polo máis alto (2-0)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |