Máis preto do soño. O Pontevedra camiña con paso firme derrotando con autoridade ao Bouzas (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Pleno nos últimos cinco partidos dun Pontevedra que se consolida en postos de play-off e esperará con tranquilidade os resultados dos seus rivais para analizar as súas opcións nas catro xornadas que restan. O equipo funciona, a afección enganchouse por fin! cunha asistencia próxima á media entrada en Pasarón e identifícase co xogo que están a despregar os homes de Luismi, que non só están a gañar, se non que o están facendo cunha superioridade absoluta sobre os seus rivais.
O Rápido de Bouzas fixo o que puido, ou o que lle deixou un Pontevedra mandón, cun único lunar, a súa falta de puntería para materializar o gran número de ocasións de gol que, unha xornada máis, volveu a crear. Romay, Javi Pazos e Borja Domínguez foron os autores dos goles granates que achegan ao Pontevedra e á súa afección a un soño.
Dúas traxectorias magníficas nos últimos partidos e idénticas necesidades aínda que con obxectivos distintos enfrontábanse en Pasarón. O Pontevedra, levantado por primeira vez a postos de play-off tras vencer nos seus catro partidos anteriores, e o Rápido de Bouzas protagonizando unha remontada que poucos se atrevían a prognosticar para soñar cunha permanencia case imposible tras a primeira volta, que chegaba tras conseguir 10 dos últimos 12 puntos en disputa (3 vitorias e un empate).
Aínda por riba, no camiño cara aos seus obxectivos, ambos os rivais teñen no horizonte unhas catro xornadas finais de moita esixencia, na que os granates visitarán consecutivamente a dous equipos coa auga ao pescozo como Unión Adarve e Las Palmas Atlético, para terminar contra dous rivais directos como Atlético de Madrid B (en Pasarón) e Castillla (a domicilio), mentres que o Bouzas recibirá a un rival directo como Las Palmas Atlético, para visitar ao Atlético de Madrid B, recibir ao Castilla (ambos loitando polo ascenso) e terminar en Salamanca fronte a un Unionistas que, previsiblemente, será o único rival cos deberes feitos.
Con estas premisas, o derbi anticipado á xornada da fin de semana presentábase como un partido de alta voltaxe, cos nervios a flor de pel en ambos os conxuntos e con moito máis que o habituais tres puntos en xogo.
Pero pronto se viu que os granates non querían sustos. A pesar de que o Bouzas saíu con prudencia pero con ambición, sen renunciar a pisar campo contrario, os de Luismi fixéronse co control do partido comezando a xerar ocasións, unha tras outra, pero tamén coa súa baixa porcentaxe de acerto na finalización, algo bastante habitual nos granates que teñen precisamente na súa dificultade para finalizar as xogadas que crean o seu punto débil.
Velocidade na circulación de balón, presión tras perda, ritmo asfixiante. Este Pontevedra "mastica" os partidos, sometendo lentamente aos seus rivais cun fútbol que parece crecer a medida que pasan as xornadas neste momento decisivo do campionato.
Postos á tarefa, os granates avisaron por primeira vez cun disparo de Pedro Vázquez que se marchou fóra por pouco e abriron a lata moi pronto froito dunha excelente acción de laboratorio, cunha falta na que Borja Domínguez amagou para servir ao espazo sobre o desdobramento de Pedro Vázquez. O extremo gañou a liña de fondo e puxo un centro raso para Romay, que tras ver como Brais Pereiro rexeitaba o seu primeiro disparo, aproveitou ese rexeite para marcar á segunda desde moi preto.
Acusando o golpe e cun Pontevedra crecido, seguro das súas forzas, comezou un acoso constante dos granates, que as tiveron de todas as cores, especialmente nas botas de Javi Pazos. O dianteiro de Marín plantouse só, pero non foi capaz de resolver ante a saída de Brais, deixando un centro que Borja Domínguez estrelou no traveseiro.
Novamente tentouno o de Marín cun disparo envelenado que permitiu lucirse ao meta visitante desviando o balón a corner. O mesmo Javi Pazos conseguiu marcar a continuación, pero a acción foi invalidada xustamente por fóra de xogo.
Máis clara sería mesmo a seguinte, esta vez nas botas de Álvaro Bustos, que desbordou por dentro pero estrelou o seu disparo no corpo de Brais Pereiro cando xa se cantaba o gol.
Pero o fútbol é caprichoso e o que non conseguira o Pontevedra ata entón atopouno xusto despois de que o Rápido puidese empatar no seu único remate verdadeiramente perigoso, cando Quico, de cabeza, mandou o balón ao traveseiro. Así, do posible 1-1 pasouse en segundos ao 2-0. Javi Pazos traballou na recuperación e roubou o balón na frontal a Quico para quedar só e colocar o seu remate raso xunto o poste, sen que esta vez puidese evitalo o meta vigués.
Antes do descanso puido mesmo chegar o terceiro, como non, tamén nas botas de Javi Pazos. O seu disparo foise ao lateral da rede.
Todo pareceu quedar sentenciado cando ao pouco de renovarse o xogo a fortuna aliouse co Pontevedra e con Borja Domínguez, que soltou un duro disparo desde a frontal. O balón rozou en Iago, cambiando a traxectoria, para dar no poste e terminar no fondo da meta viguesa.
O 3-0 deu paso a unha certa relaxación nas marcas dos locais, o que aproveitou acto seguido o Bouzas para abrir unha ventaniña ás súas esperanzas dunha remontada heroica. Foi como consecuencia dunha falta lateral lanzada por Carlitos, que Rodri peiteou de cabeza gañando a acción a unha zaga local que aínda estaba a festexar o gol anterior dos seus.
Pero ao Rápido de Bouzas non lle deu para máis. O Pontevedra puxo o "modo control total" e de novo comezou a acumular ocasións desperdiciadas, tantas que cun pouco máis de puntería o resultado podería ser escandaloso. Se no primeiro tempo foi Javi Pazos o protagonista omnipresente, agora era Álex González. O cántabro tívoas de todas as cores. Unha volea que se marchou fóra, un disparo cruzado que seguiu o mesmo camiño e un remate, tras unha gran acción colectiva, só ante o meta, que mandou a escasos centímetros do poste.
Entre elas probou fortuna Kevin Presa, cun lanzamento de falta desde a frontal que saíu preto da cruceta. E habería máis, como unha gran acción individual de Álvaro Bustos, que finalizou con disparo ao poste. A superioridade do Pontevedra era total, aínda que o Bouzas caeu coa cabeza alta. Os granates consolidan o seu posto de privilexio e os vigueses deixaron mellor imaxe que outros visitantes que chegaron a Pasarón moito mellor clasificados, demostrando que pelexarán ata o final pola permanencia.
PONTEVEDRA C.F. (3): Edu; Nacho López, David Castro, Churre, Adrián León, Kevin Presa (Berrocal, minuto 71), Pedro Vázquez (Álex González, minuto 50), Borja Domínguez, Javi Pazos (Arruabarrena, minuto 64), Álvaro Bustos e Romay.
RÁPIDO DE BOUZAS (1): Brais Pereiro; Adrián, Coti, Quico, Iago, Armando (Clausí, minuto 71), Javi Sánchez (Duque, minuto 76), Toni Jou, Rodri, Carlitos (Víctor Calarge, minuto 64) e Diz.
Árbitro: Alberto Fuente Martín (Cantabria), auxiliado nas bandas por Ángel Ramos Cinos e Ricardo Álvarez Estrada. Non mostrou tarxetas.
Goles: (1-0) Minuto 12: Romay. (2-0) Minuto 34: Javi Pazos. (3-0) Minuto 54: Borja Domínguez. (3-1) Minuto 56: Rodri.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 5.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Un irrecoñecible Pontevedra cae da zona de play-off ao perder ante o Unión Adarve (3-0)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a continuar a súa xeira positiva no feudo dun necesitado Unión Adarve
Por Diego Espiño |
-
Inoportuna lesión de Kevin Presa, baixa por unha rotura muscular
Por Diego Espiño |
-
A herba sintética, unha dificultade extra para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Viaxe organizada para acompañar o Pontevedra ante o Unión Adarve
Por Redacción |
-
Tres días de descanso antes do emocionante sprint final
Por Diego Espiño |
-
"Lo difícil ahora es mantenerse", asegura Luismi sobre o play-off antes de recibir o Rápido de Bouzas
Por Diego Espiño |
-
Un calendario que non ofrece respiro
Por Diego Espiño |
-
Suma e segue dun Pontevedra que gaña en Coruxo (0-1) e alcanza postos de play-off
Por Diego Espiño & Diego Torrado |