O Nacional de 420 ten novos líderes tras a terceira xornada, Wizner e Ameneiro, do RCN Vigo
Por Redacción
O equipo galego, formado por Martín Wizner e Pedro Maneiro, pertencentes ao Real Club Náutico de Vigo, deron esta fin de semana un golpe de autoridade na clasificación xeral do Campionato de España da clase 420, que se disputa estes días na Ría de Arousa. Así, a Armada galega, que se prepara durante boa parte do ano no Centro Galego de Vela situado en Vilagarcía, sitúase no primeiro posto da competición.
Por fin, na terceira xornada de regatas, que se desenvolveu durante este venres, puido completarse o programa previsto de catro probas, xa que o vento acompañou ás embarcacións. Wizner e Ameneiro romperon todo rexistro e sumaron catro vitorias consecutivas, para situarse, así, como líderes provisionais. Ademais, cos bos resultados desta ocasión, deixaron atrás a desafortunada regata do xoves, na que un rol de vento desbancounos ao posto 25 cando navegaban arriba.
Ninguén nas clasificatorias dos Nacionais de anos anteriores: As Palmas 2018, Vigo 2017 e O Balís 2016, lograra tales resultados. Habería que remontarse a Cádiz 2015, cando os irmáns Mas, do CN Masnou, xestaron cinco vitorias seguidas. Os galegos conseguiron, desta forma, un novo récord.
Así, Wizner e Ameneiro chegan á xornada final cun total de 11 puntos, seguidos dos baleares Conrad Konitzer e Fernando Rodríguez, do CN s'Arenal (13 puntos), e das canarias Patricia Reino e Isabel Laiseca, do RCN Gran Canaria (18 puntos).
Doutra banda, o arousán Jacobo García e o coruñés Toni Ripoll, do RCN Sanxenxo, non correron a mesma sorte. A falta dunha regata para finalizar a xornada, estaban no top 10 cunha boa serie. Con todo, terminaron a proba definitiva no posto 28, o que os fixo caer na xeral á décima cuarta praza con 52 puntos.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro é campión do mundo de 420 co seu compañeiro Martín Wizner
Por Redacción |
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner, clasificados para ao Mundial Xuvenil
Por Redacción |
-
Deporte Galego oficializa o patrocinio dos clubs deportivos da comarca
Por Redacción & Paula Sanmartín |