O Ría de Aldán comeza a tempada co título de campeón de Galicia de Piragüismo
Por Redacción
O Carballiño acolleu, durante a mañá deste sábado, a primeira edición do Campionato Galego Xogade de piragüismo, destinado ás categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Nesta ocasión, máis de 300 deportistas, pertencentes a 28 clubes de todo o territorio galego, participaron na cita, o que supón todo un éxito no seu debut.
O Club de Mar Ría de Aldán logrou coroarse campión cun total de 4.598 puntos, seguido polo Club Náutico O Muíño, en segunda posición con 3.870, e moi de preto polo Club Fluvial Allariz, con 3.839.
Os encargados de inaugurar a mañá foron os homes de categoría prebenxamín, onde as tres primeiras posicións foron para Fabio García, do As Torres, Ero Fernández, de O Muíño, e, finalmente, o pontevedrés Eduardo Miguéns, do Piragüismo Portonovo. Doutra banda, na clasificación feminina, a vencedora foi Carla Jartín, do Cidade de Lugo.
Os seguintes en participar foron os padeeiros de categoría benxamín, onde destacou o Piragüismo Olívico, con dous ouros, un de Lucas Díaz e outro de Candea Alonso.
Sería Gael Bernal, do Piragüismo Verducido, o campión masculino de categoría alevín, seguido por Diego Feijóo, do Kaiak Tudense, e Hugo Méndez, do Cabanas KDM. Doutra banda, no grupo feminino, Sofía Para, do Piragüismo Cambados, levou o ouro.
Finalmente, as dúas últimas probas foron as correspondentes cos homes e mulleres do grupo alevín A. Por unha banda, Manuel Ruibal, do Náutico Pontecesures, coroábase campión seguido por Daniel Torres, de Portonovo, e Teo Fraga, do Cabanas KDM. Por outro, Natalia Moreira, do EP Cidade de Pontevedra, era a vencedora no grupo feminino, mentres que Aroa Rodríguez, do Ría de Betanzos, e Alicia Otero, tamén do club pontevedrés, chegaban en segunda e terceira posición.