O Teucro supera o Ciudad Encantada (32-30) e agárrase ás súas opcións de permanencia
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
A Sociedad Deportiva Teucro négase a ter dito a súa última palabra na pelexa pola permanencia na Liga Asobal, e é que os azuis se agarran con uñas e dentes ás súas opcións tras derrotar este sábado no Municipal ao Ciudad Encantada de Cuenca (32-30). Este resultado, unido á derrota do Cangas, deixa aos pontevedreses a 2 puntos da salvación cando quedan aínda 8 en xogo.
Sabían os de Luís Montes que non podían fallar e saíron centrados niso. Así, salvo o 0-1 inicial, pasaron a dominar o marcador.
Fischer asumía a responsabilidade ofensiva nos primeiros constantes, seus foron 4 dos primeiros 5 goles do seu equipo, mentres Santana, enorme durante a primeira metade, mantiña baixo control aos visitantes cunha efectividade baixo paus que neses momentos estaba no 60% (6/10).
Non se atopaba o Ciudad Encantada, e o seu adestrador víase obrigado a parar o cronómetro (7-4, minuto 13) para tentar meterse de novo no partido. Aos poucos, cunha leve melloría defensiva, os de Cuenca foron dificultando o ataque teucrista para achegarse no marcador (10-9). Nese momento Cutura asumiu os galóns en ataque e nunha estirara no final do primeiro acto conseguían poñer un esperanzador 14-10. Javi Santana marchaba ao vestiario cun 10/20 en paradas.
O segundo tempo iniciouse cun gol de Cutura que poñía a máxima diferenza do partido no marcador (15-10), pero pouco durou. O Ciudad Encantada saltou á pista con maior intensidade, especialmente na súa 6-0 defensivo, e empezou a recortar distancia da man dun acertado Baronetto. Do extremo e a súa velocidade nas transicións chegaron ata 6 tantos para poñer un inquietante 19-18.
Luís Montes pediu entón tempo morto buscando osixenar ao seu equipo e conseguiu deter a tendencia para manterse ao man. Ademais, os azuis retomaban enseguida os 4 goles de renda ante o desacerto dos visitantes (23-19).
Restaban máis de 10 minutos de xogo e o certo é que o conxunto de Cuenca seguiu insistindo acurtando en varias ocasións a súa desvantaxe aos dous goles. Por sorte para a afección local, o Teucro non estaba polo labor de deixar pasar o que quizais era o seu último tren cara á permanencia, e nin a surrealista avaría no cronómetro do videomarcador, que tivo o encontro varios minutos parado, descentroulle.
Os pontevedreses, con coraxe, agarráronse ao partido para conseguir un valioso triunfo ante un dos equipos máis en forma da liga gritar ben alto que non van arroxar a toalla con facilidade. Mentres hai vida hai esperanza.
Relacionadas:
-
Esperada derrota do Teucro ante un Barça que non deu tregua (21-35)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot |
-
O Teucro naufraga ante o Valladolid e complica a súa salvación (38-26)
Por Sofía Lorenzo |
-
Puntuar en Valladolid, obxectivo do Teucro para manterse con opcións de permanencia
Por Diego Espiño |
-
Ao Teucro volven saírlle as contas
Por Diego Espiño |
-
O Teucro, ante "una de nuestras últimas balas" pola permanencia na visita do Cuenca ao Municipal
Por Diego Espiño |
-
O Teucro deixa escapar un punto de ouro ante o Alcobendas (28-28)
Por Sofía Lorenzo |