Derbi igualadísimo entre o Grove e o Marcón en Monte da Vila (2-2)
Por Redacción
O Marcón Atlético, despois da derrota da pasada semana, conseguiu sumar un punto, este domingo, ante o USD do Grove nun derbi caracterizado pola máxima igualdade. Os locais, continúan, así, ancorados á zona de perigo a pesar do empate, e os de Borja Burgos mantéñense na metade da clasificación a falta de catro partidos para o final da tempada.
A pesar do marcador antes do descanso (1-1), ningún dos dous equipos quixo arriscar demasiado ante a portería rival. Tanto foi así que os dous goles foron de penalti. O primeiro de Pablo Barrio no 25' e o segundo de Iván Paz no 30'.
Coa continuación mantívose a mesma dinámica de xogo. Non foi ata o último minuto que os dous equipos conseguirían anotar outros dous tantos que non conseguirían outra cousa que manter a repartición de puntos (2-2).
Consulta a acta do USD de O Grove-Marcón Atlético.
O Villalonga, con todo, caeu ante o Pontellas, que leva xa dúas semanas como líder da categoría, loitando polo ascenso a Terceira. Os pontevedreses, pola súa banda, confórmanse coa permanencia a falta de catro xornadas.
Os visitantes lideraron a primeira metade do choque, durante a que anotaron o 0-1 por medio de Yago González. Con todo, non sería ata a segunda que aumentarían a súa renda, grazas a Hugo Pintos. A este gol responderon os locais cun tiro afortunado de Calo, que recortaría distancias, pero non o suficiente como para chegar á repartición de puntos (1-2).
Consulta a acta do Villalonga-Pontellas.
Vitoria do Xuventú Sanxenxo esta fin de semana ante o Mondariz, sumando, así, o seu segundo triunfo consecutivo, que lle permite, a falta de catro partidos do final da tempada, colocarse máis preto dos postos de play-off.
O choque estivo totalmente dominado polos locais, que, cun temperán gol de Charles no 5', poñíanse por diante no marcador. Ante a falta de ideas dos visitantes, o 1-0 mantívose ata o tempo de descanso.
Coa continuación, continuou a mesma dinámica. Os anfitrións controlaban o balón. Tanto, que, no 54', aumentaron a súa renda por medio de Álex Barbeito e establecían a vitoria definitiva.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Mondariz.
Despois de catro derrotas consecutivas, o Beluso conseguiu volver puntuar ao empatar ante o Moaña no Casal. Pola súa banda, os locais suman a súa novena xornada puntuando ininterrompidamente (23 puntos de 27 posibles). Foi un choque moi igualado no que os anfitrións lograron ser algo mellores na primeira parte, perdendo intensidade durante a segunda.
Case termina a ceros o primeiro tempo, xa que non foi ata o minuto 41 que Omar Cid anotou o 1-0. Así marcharían ao descanso. Coa continuación a dinámica de xogo cambiaría. O cadro visitante comezaría a gañar máis peso. Tanto foi así que, no 61', por medio de Darío, igualarían o marcador. Con todo, Xandre Currás respondería cun tiro a portería que volvería poñer ao seu equipo por diante (2-1). Finalmente, ante a posible vitoria do Moaña, os de Rial non baixarían os brazos e, grazas a Adri Estévez, chegarían ás táboas a falta de tres minutos para o final (2-2).
Consulta a acta do Moaña-Beluso.
Igual de igualado estivo o choque entre o Antela e o Amanecer na Moreira. Remataron tamén cun empate despois de 90 minutos nos que ningún dos dous equipos liderou o xogo. A destacar a expulsión dun dos homes do cadro visitante, Dani Riveiro, no 82' por dobre amarela. O punto non lle serve de moito aos do Amanecer, aínda que todo suma ante a necesidade de poñer distancia coa zona de perigo.
Comezou moi equilibrado o encontro. Con todo, un gol de Carlos coa esquerda despois dun pase de Iago Campelo no 20', poñía aos locais por diante no marcador. E non tardou en chegar o segundo. De novo, Carlos acertou na portería visitante, aumentando a renda e dificultando á remontada aos seus rivais. E así marcharían ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, mantívose a mesma dinámica que se viu durante os primeiros minutos do partido. Pero esta vez sería o cadro pontevedrés o beneficiado, grazas a Rubén Rial (70'). Finalmente, no último minuto do choque, Manu Expósito daría ao seu equipo a igualada no marcador.
Consulta a acta do Antela-Amanecer.
Pola súa banda, o Juventud Cambados suma a súa quinta xornada consecutiva puntuando (9 puntos de 15 posibles). Nesta ocasión, finalizou en táboas ante o Velle en Campo da Aira. Desta forma, mantense na cuarta posición da táboa, con todo do seu lado.
O equilibrio reinou durante os 90 minutos. Durante a primeira metade destacando un pouco máis o cadro visitante, que anotou o 0-1 no 24' por medio de Grego. E a segunda, en cambio, con certa superioridade local, que, grazas ao acerto de Adri Varandela no 89', conseguían igualar o choque.
Relacionadas:
-
O Marcón encara a última xornada cun punto máis tras o empate ante o Alertanavia
Por Redacción |
-
O Marcón é derrotado por un rival directo, o Velle, e atrasa a súa permanencia (2-1)
Por Redacción |
-
O Marcón cae na recta final da tempada ante o colista de Preferente, o Antela (0-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Durísima derrota do Marcón ante o Moaña no Carrasco (0-5)
Por Redacción |
-
O Sanxenxo pon fin á súa boa racha coa derrota ante o Marcón (0-1)
Por Redacción |
-
O pasamento dun dos afeccionados do SD Bande leva á suspensión do choque ante O Grove
Por Redacción & Diego Torrado |