O Marcón cae na recta final da tempada ante o colista de Preferente, o Antela (0-1)
Por Redacción & Diego Torrado
O Marcón recibiu esta fin de semana ao Antela. O Carrasco viu caer ao seu equipo ante o pechacancelas da categoría por un só gol. A falta de tres xornadas para o final da tempada, aínda que coa permanencia asegurada, os pontevedreses alongan unha xornada máis un refacho un tanto inestable (sumou un punto en tres partidos). Pola súa banda, a pesar da vitoria, os visitantes non se separan da última posición da táboa.
Despois dunha primeira parte sen goles na que ningún dos dous conxuntos foi capaz de arriscar de cara a portería, a maior parte da segunda tivo a mesma dinámica. Máxima igualdade, ata que un gol de Carlos López no 84' deu aos do Antela a superioridade necesaria para aguantar ata o final do partido e levar os tres puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Antela CF.
Despois da derrota da pasada semana ante o Pontellas, o Villalonga sumou, este domingo, un punto no campo do Juvenil de Ponteareas. Coa categoría asegurada a falta de tres xornadas para o final da tempada, os pontevedreses mantéñense na parte media da clasificación, por baixo dos locais.
O choque estivo igualado desde o primeiro minuto de xogo, ata o último. Tanto foi así, que finalizaron sen goles en Pardellas e con repartición de puntos.
Consulta a acta do Juvenil-Villalonga CF.
Esta fin de semana, As Laxes acolleu o derbi entre o CD Beluso e o USD do Grove, no que os locais sumaron tres merecidos puntos ao derrotar comodamente aos de Santi Mariño. Ademais, con dous goles de Adri Estévez. Despois dun primeiro tempo máis igualado, no que ningún dos dous equipos chegou a crear ocasións perigosas ante a portería, no segundo, o xogador do cadro local botouse o equipo ás costas e conseguiu os dous tantos que lles darían o triunfo: un no 47' e outro no 75'.
Así, os do Grove continúan en postos de descenso e os bueuenses loitando polas primeiras posicións da táboa.
Consulta a acta do CD Beluso-USD de O Grove.
Choque directo o que se disputou esta fin de semana en Lampáns entre o SD Amanecer e o CD Velle. Ambos os conxuntos chegaron á cita despois dun empate e, nesta ocasión, volveron finalizar en táboas, mantendo, así, as súas posicións na clasificación. Por baixo o locais pero cos mesmos puntos (décimo sétimos con 38 puntos).
A pesar do resultado tan igualado, a primeira parte foi do equipo visitante, que sumou os seus dous tantos por medio de Dani Guede, mentres que na segunda dominaron os locais. Estes estableceron as táboas grazas a un gol no 61' de Julio Abreu e outro no 71' de Javi Míguez, finalizando, así, co 2-2 no electrónico.
Consulta a acta do SD Amanecer-CD Velle.
O Alertanavia, ante a necesidade de puntuar para escapar do descenso, sumou, este domingo, a súa terceira vitoria consecutiva ao derrotar ao Juventud Cambados, equipo que opta a entrar na fase de ascenso, en Burgáns.
Nos primeiros minutos do tempo inicial, os visitantes adiantábanse no marcador cun gol de penalti de Iván Capelo (15'). Vantaxe á que responderon os locais cinco minutos despois, igualando o marcador tras un tanto de Marcos Blanco. A partir dese momento, a igualdade sería máxima, tanto que marcharían ao descanso en táboas. Tras o paso polos vestiarios, os do Alertanavia non baixaron os brazos e grazas, de novo, a Capelo, fixéronse cos necesarios tres puntos a falta de algo máis de media hora para o final do choque. Xa non puideron facer nada os anfitrións nos minutos restantes.
Consulta a acta do Juventud Cambados-CP Alertanavia.
O Xuventú Sanxenxo foi duramente derrotado polo líder da categoría, o CD Pontellas, en San Campio. Os pontevedreses, a pesar do resultado, mantense nunha boa posición na táboa (oitavos) a falta de tres xornadas para o final da tempada.
Aínda perdendo, a primeira parte estivo moi igualada, xa que se marcharon ao descanso co marcador en táboas despois dun primeiro gol de Luís Pozo no 30' (1-0) e outro de Adri Freire dous minutos despois (1-1).
Tras o paso polos vestiarios, a dinámica cambiou. Os locais saíron ao campo moito máis fortes e, a pesar dun tanto de Charles no 61', que recortaba distancias e daba esperanzas aos visitantes, derrotáronos con total autoridade (5-2).
Consulta a acta do CD Pontellas-Xuventú Sanxenxo.
Relacionadas:
-
O Marcón encara a última xornada cun punto máis tras o empate ante o Alertanavia
Por Redacción |
-
O Marcón é derrotado por un rival directo, o Velle, e atrasa a súa permanencia (2-1)
Por Redacción |
-
Derbi igualadísimo entre o Grove e o Marcón en Monte da Vila (2-2)
Por Redacción |
-
Durísima derrota do Marcón ante o Moaña no Carrasco (0-5)
Por Redacción |
-
O Sanxenxo pon fin á súa boa racha coa derrota ante o Marcón (0-1)
Por Redacción |
-
O pasamento dun dos afeccionados do SD Bande leva á suspensión do choque ante O Grove
Por Redacción & Diego Torrado |