'Déjà vu' do Pontevedra cunha derrota nas Palmas que complica a fase de ascenso (2-1)
Por Diego Espiño
Sete días despois a historia repítese para o Pontevedra. Partido fóra da casa, sobre céspede artificial e ante un rival que se xoga a súa permanencia na categoría co mesmo resultado, derrota con mala imaxe para un conxunto granate que se complica a súa presenza na fase de ascenso.
As baixas obrigaban a Luismi a reestruturar o equipo, especialmente na liña defensiva con Campillo e Castro na zona central e Nacho Lorenzo na esquerda. Pero os cambios non quedaron aí coa entrada de Álex Fernández na medular, Álex González e tamén Arruabarrena na punta de ataque. Unha pequena revolución que non deu os froitos desexados en gran parte porque Las Palmas Atlético botou por terra o plantexamento nos instantes iniciais do duelo.
Corría só o minuto 4 de xogo cando Carlos González gaña as costas da zaga polo costado dereito do seu ataque, chegando á liña de fondo e poñendo un pase atrás para que Kirian aproveitase o desaxuste defensivo para facer o 1-0 case a pracer.
Quedaba un mundo por diante, pero o Pontevedra saía practicamente do vestiario en desvantaxe. Tras o golpe tentou recompoñerse o equipo e empezar a gañar metros, aínda que non lograban crear perigo e ao contrario que eles o filial si puido facer máis dano nun novo erro granate que emendou Edu co pé sacando un remate xa case sen ángulo de Carlos González.
Aos 23 minutos chegou unha das accións polémicas da xornada, nun posible penalti sobre Álex Fernández non sinalado polo colexiado. Nunha acción dividida un defensor local chegou ao despexe levantando en exceso a súa bota e impactando case na caluga do xogador granate. Parecía penalti, pero seguiu o xogo, como o fixo minutos despois noutra caída de Nacho López na área, aínda que nesta ocasión o lateral pareceu tropezar.
Os granates empezaban a roldar a área rival, pero o que non conseguían era poñer a proba ao gardameta canario, Vallés, inédito durante os primeiros 45 minutos. O que non esperaban, tras moitos minutos sen mostrarse en ataque, é o que pasaría ao fío do descanso. Faltaban segundos para cumprir o minuto de desconto sinalado polo trío arbitral cando unha contra das Palmas mal replegada acaba nos pés de Erik Expósito na media lúa da área. O dianteiro, tras recortar a un defensor, sacou un zurdazo que se coou pola escuadra para poñer o 2-0 antes de chegar ao descanso.
Todo puido cambiar ao comezo do segundo tempo. Erik Expósito agredía a David Castro no minuto 51 e vía a vermella directa, e só uns minutos despois Joel a un metro do colexiado propináballe un lapote na cara a Nacho López que debía ter suposto tamén a súa expulsión. Non foi así e a acción saldouse cunha amoestación. A pesar diso o Pontevedra tiña por diante moitos minutos en superioridade numérica.
Os granates foron arriba cun filial que a partir de aí limitouse a aguantar a súa renda e a perder o máximo de tempo posible. Tardou só un par de minutos o cadro pontevedrés en disparar a porta, o seu primeiro tiro entre os tres paus (minuto 57) por medio de Álvaro Bustos, e aínda que os locais ameazaban nalgunha contra puntual o choque converteuse nun monólogo.
Luismi deu entrada a un segundo dianteiro, Javi Pazos, quedando con tres defensas sobre o terreo de xogo, pero faltaba acerto. Tentouno Borja Domínguez primeiro, e despois Álex Fernández tras un rexeite e en posición franca, emerxendo a figura do gardameta canario, Vallés.
Pasaban os minutos sen econtrar premio e o tempo acababa, ata que Romay aproveitou un balón solto na área tras un fallo no despexe de Jesús Fortes para recortar distancias e aumentar as esperanzas de polo menos rescatar un valioso punto. A base de empuxe chegaron despois ocasións moi claras do Pontevedra. Un remate lixeiramente desviado do propio Romay e especialmente un remate de Mikel Arruabarrena e outro de Pedro Vázquez tras servizo de Borja que se atoparon cun agrandado porteiro local para desesperación da expedición galega.
Non se conseguiu o segundo tanto, e Las Palmas Atlético pechou un triunfo vital para eles que e deixa agora ao Pontevedra sen máis marxe para o erro. Os de Luismi caen á sexta praza e quedan a 3 puntos do play-off. Ségueno tendo a tiro, pero xa non poden fallar máis nas dúas xornadas que restan, ante outros dous aspirantes como o Atlético B e o Real Madrid Castilla. Para pelexar polo ascenso, serán necesarios os 6 puntos en xogo. O mellor, é que xa non volverá a fatídica herba artificial.
LAS PLAMAS ATLÉTICO (2): Vallés, Jesús Fortes, Dani, Álex Suárez, Ismael, Josemi, Carlos González (Jeremies, min.76), Fabio, Erik Expósito, Kirian (Edu, min.63), Joel (Juan Rodríguez, min.54).
PONTEVEDRA CF (1): Edu, Nacho López (Javi Pazos, min.69), Nacho Lorenzo (Romay, min.46), Campillo, David Castro, Álex Fernández, Álex González, Borja Domínguez, Pedro Vázquez, Álvaro Bustos, Arruabarrena.
Árbitro: Alberto Lou Ballano, auxiliado nas bandas por Diego Sánchez Espílez e José Franco Quintilla (Aragón). Amoestou a Fabio, Juan Rodríguez e Joel nos locais e a Arruabarrena e Álex Fernández no Pontevedra. Expulsou a Erik Expósito nas Palmas por vermella directa (min.51)
Goles: 1-0 Kirian (min.4); 2-0 Erik Expósito (min.45); 2-1 Romay (min.81).
Incidencias: Partido da xornada 36 de liga na Segunda B disputado no campo anexo ao Estadio Gran Canaria.
Relacionadas:
-
O fortín de Pasarón cedeu... tras 22 partidos invicto
Por Diego Espiño |
-
Graves erros defensivos lastran o Pontevedra ante o Atlético de Madrid B enterrando as súas opcións (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra e Atlético de Madrid B enfróntanse nunha auténtica final polo play-off
Por Ramiro Espiño |
-
O Atlético B, unha "final" para o Pontevedra: "Hai que gañar si ou si. Non hai outro resultado posible"
Por Alejandro Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Canarias sen Adrián León a enfrontarse ás súas meigas
Por Diego Espiño |
-
A presenza de Adrián León ante o Las Palmas Atlético, "en el aire"
Por Diego Espiño |
-
Horario unificado para as dúas últimas xornadas de liga na Segunda B e Terceira División
Por Redacción |
-
Un irrecoñecible Pontevedra cae da zona de play-off ao perder ante o Unión Adarve (3-0)
Por Diego Espiño |