O campionato Arena 1000 de balonmán praia regresa a Bueu tras un ano de parón
Por Redacción
Máis dun cento de equipos de toda España. É a asistencia que se prevé no campionato Arena 1000 de balonmán praia, que acollerá a praia da Banda do Río entre os días 28 e 30 de xuño.
A competición insírese no marco do circuíto nacional Arena Handball Tour, que comeza en Torrox o 1 e 2 de xuño, e que percorrerá os lugares de Castellón, Bueu, Orihuela, Valencia, Cádiz e Alicante, localidade esta última onde será o campionato de España.
Na proba de Bueu agárdase a participación de máis de mil deportistas nas categorías de base a senior masculino e feminino, no que será un "gran espectáculo deportivo e turístico", tal e como salientou o alcalde, Félix Juncal, quen tamén apuntou que "tiñamos o compromiso e a ilusión de darlle continuidade, sobre todo pola súa boa acollida a nivel social".
O presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, apuntou que Bueu é o único lugar do norte de España onde se realiza este campionato tan importante para os xogadores pero tamén para os propios clubs e destacou a boa noticia que supón o regreso de Bueu a este circuíto.
Na presentación do torneo, que tivo lugar este luns no Concello de Bueu, participaron tamén José Ramón Martínez e Irene Vilaboa do Bueu Atlético Balonmán, que sinalaron que a vila "respira balonmán polos catro costados", e por iso celebraron que a federación pensase de novo no municipio para acoller un evento tan destacado.