O Froiz arranca en Irún a tempada das voltas ciclistas por etapas
Por Redacción
Tras a disputa esta fin de semana da última proba da Copa España, o Super Froiz abre unha nova fase da tempada coa chegada das voltas ciclistas por etapas. O punto de partida será a súa participación nunha nova edición da Volta a Bidasoa.
Ata terras vascas desprazaranse Adrián Barros, Abel Franco, Guillermo García, Diego González, Marcos Navarrete, Jake Wright e Jesus Pociña, que afrontarán unha proba que, co paso dos días, irase facendo máis dura e que estará marcada polas fugas e chegadas a meta de grupos reducidos.
Serán catro xornadas que comezarán este mércores cunha etapa de 104 quilómetros entre Irún e Irrisarri que conta con dous portos de terceira e un deles sendo o final de carreira. A segunda xornada con saída e chegada en Hondarribia será algo máis dificultosa cun total de 128 quilómetros e dous portos, un de terceira e outro de primeira categoría (Jaizkibel).
Pola súa banda, o terceiro día de competición terá saída en Hendaia e meta en Urdazubi e será un percorrido moito máis montañoso con dous portos de segunda categoría na primeira metade do percorrido e con tres portos de terceira na segunda parte dos 134 quilómetros.
A xornada final será unha etapa de só 77 quilómetros pero cheos de cotas de montaña con tres portos de primeira, un de segunda e outro de terceira.
FINAL DA COPA ESPAÑA
A última proba da Copa España, o Gran Premio Macario celebrado en Madrid, deixou un bo sabor de boca á escuadra alimenticia.
Jesús Arozamena, que fora baixa durante o último mes, volveu con forzas e logrou a sétima praza dunha proba que gañou ao sprint Rubén Linares do Kuota Construcións Paulino.
O corredor fixo unha gran carreira grazas ao traballo de todo o equipo que mantivo controlada a carreira e púidose situar así nas posicións dianteiras da chegada ao sprint dun grupo de 90 corredores.
O equipo alzouse cunha segunda posición na clasificación por equipos tras o Lizarte (base do Movistar) e Diego González, que se meteu na escapada do día, alzouse tamén co segundo posto na clasificación da montaña.