O Barcelona, un rival "intratable" para un Teucro que terá a vista posta no Cangas
Por Alejandro Espiño
Un Teucro coa auga ao pescozo recibe este venres no Municipal (19.00 horas) ao peor rival posible para tratar de sumar puntos. Chega a Pontevedra o Barcelona, un equipo que na liga Asobal sempre está, segundo recoñece Luís Montes, a un nivel "intratable". Dos últimos 190 partidos só perdeu un, lembrou o técnico pontevedrés.
"É un rival que a día de hoxe está lonxe do noso alcance", asegurou Montes, que avanzou que os teucristas tratarán de "competir o máximo tempo posible" e que todos os xogadores "acaben ben fisicamente".
Farano, iso si, coa vista posta en Granollers. Unha vitoria do Cangas en Cataluña supoñería o descenso matemático dos pontevedreses, polo que Luís Montes confía nunha derrota dos seus paisanos para, a próxima semana, "chegar vivos ao Gatañal" e tratar de lograr unha vitoria que deixaría todo para a última xornada.
Os xogadores do Teucro, tras a "decepción" do sábado en Valladolid onde "non estivemos ao noso nivel", están "recuperados" segundo o seu adestrador. Se non hai contratempos, engadiu Montes, os pontevedreses contarán co "equipo habitual" das últimas semanas.
"Se somos capaces de estar no partido competindo, perfecto, e se nos vemos superados polo nivel que teñen seguiremos coa nosa preparación para estar ao máximo nivel a partir da semana que vén", engadiu o técnico teucrista.
Na rolda de prensa, o xogador Guillermo Fischer sinalou que ante o Barcelona "debemos ir, aplicar nuestro sistema de juego, hacerlo lo mejor posible y dar la batalla hasta el final", plantexando o encontro da mellor maneira posible.
A partir de aí, dixo, o plantel "aún tiene esperanzas" de lograr a permanencia aínda que recoñece que é unha tarefa complicada porque "no dependemos solo de nosotros".