O monte está nas mellores condicións para recibir aos 1.500 participantes dos 4 Picos
Por Oskar Viéitez
A choiva destes días deixou ao circuíto da 4 Picos nas mellores condicións para recibir este sábado 11 de maio aos máis de 1.500 participantes "un auténtico récord" nesta proba non competitiva. O vento xa secou o monte e excepto algunha zona embarrada o resto do percorrido presenta un bo agarre. Ademais a previsión meteorolóxica apunta que será un día seco e asollado.
O percorrido está a ser obxecto de continuas revisións para evitar calquera imprevisto.
Así o explicou o responsable da empresa organizadora Global DxT, Josevi Cimadevila que xunto á concelleira de deportes, Anxos Riveiro detallou este venres en rolda de prensa os últimos preparativos desta proba de bicicleta de montaña na que os participantes deberán ascender os montes que rodean a cidade de Pontevedra, podendo participar na modalidade de 4 picos ou 2 picos.
Esta quinta edición da Pontevedra 4 Picos Bike volve ser un éxito de participación, demostrando que esta é "unha proba consagrada" no calendario deportivo, chegando a ser "un referente a nivel nacional e internacional", dixo Josevi Cimadevila.
Están inscritos ciclistas de todos os lugares de España, especialmente de Cáceres, Asturias, Cantabria, Sevilla ou Madrid. Tamén hai unha destacada participación de portugueses que chegan atraídos polo alto nivel organizativo desta carreira tan esixente. Esta presenza de bikers xa se está notando na cidade durante este venres.
A saída será ás 8.30 horas no Recinto Feiral de Pontevedra. Desde alí os deportistas comezarán un camiño de ata 125 quilómetros na súa versión máis longa, con ascensións por esta orde aos altos do Monte Castrove, Monte Acibal, A Fracha e Lago de Castiñeiras, mentres que os que optaron pola versión curta (60 quilómetros) sairán ás 9 da mañá e completarán as dúas primeiras subidas.
A inscrición máis numerosa é a de 4 Picos individual seguida pola categoría de 2 Picos individual. Tamén tivo moito éxito este ano a categoría por parellas, sinala a organización.
Como datos curiosos, nos avituallamientos a organización ten previsto repartir 12.000 bebidas, 5.000 plátanos, 6.000 laranxas, 100 sandías e 100 quilos de bollería. Tamén esta contemplado un amplo dispositivo para liquidar os problemas mecánicos que lles poidan xurdir aos bikers.
Desde a organización animaron á cidadanía de Pontevedra a que se achegue o sábado polo Recinto Feiral xa que, ademais do deporte, están previstos espectáculos musicais e de animación.