Teresa Portela e Tono Campos pelexarán polas medallas no Europeo de Pista, Diego Romero sétimo en C-1
Por Alejandro Espiño
Doce padexeiros galegos disputarán este domingo as finais do Campionato de Europa de Piragüismo en pista que se celebra esta fin de semana en Montemor o Velho (Portugal). Entre eles, Teresa Portela e Tono Campos, dúas das firmes opcións a medalla da representación galega, que este sábado clasificáronse para as finais das probas de K-1 200 metros e C-1 5.000 metros, respectivamente.
Teresa Portela, que non competía desde os pasados Xogos Olímpicos de Londres, regresou á competición de xeito espectacular. Dominou desde o comezo ata o final a súa serie de clasificación. Venceu con gran autoridade e polo tanto converteuse nunha das claras favoritas a estar no podio na regata decisiva que se disputará ás 13.00 horas. Antes da cita europea xa recoñecera que sentía boas sensacións.
Pola súa banda, o padexeiro de O Grove, Tono Campos, adscrito ao club Ría de Betanzos, será outra das apostas galegas nas finais. Será un dos últimos en competir na modalidade de C-1 1.000 metros.
Antes, outros piragüistas galegos terán a oportunidade de disputar as finais nas súas especialidades. Carlos Arévalo, do Ría de Betanzos, e Cristian Toro, do Fluvial de Lugo, gañáronse o pase á regata decisiva logo de ser terceiros na súa serie de K-2 200 metros, transmitindo unha boa sensación. Rubén Millán e Gabriel Campo disputarán a final en K-2 500 metros e André Oliveira e Adrián Siero, en C-2 200 metros.
A todos eles débense sumar Diego Germade, do Piragüismo Aldán, e ÿscar Carreira, do Kayak Tudense, que forman parte do equipo español de K-4 1.000 metros. Lograron a súa clasificación na xornada do venres. Raquel Rodríguez, do Cidade de Pontevedra, tamén loitará polas medallas na proba de C-2 500 metros. Competirá coa murciana Ana Ríos.
FINAIS DO SABADO
Nesta xornada do sábado disputáronse varias finais. O arousano Diego Romeu terminou en sétimo lugar en C-1 1.000 metros. O padexeiro do Ría de Aldán xa cumprira co seu obxectivo de estar presente na final na súa primeira competición en categoría senior. Intentou sorprender a rivais con máis experiencia e cualificados, pero non tivo moitas opcións.
Ao terminar a regata declarou que "estou contento por estar na final, por estar preto dos primeiros e tamén por dar un paso importante na miña carreira deportiva". Sobre a proba desvelou que "fixen unha aposta de competir ao máximo nivel e ese foi o resultado. Servirame para o futuro, sen dúbida".
Pola súa banda, José Luís Bouza, do Kayak Tudense, xunto ao asturiano David Fernández, foron sextos no C-2 1.000 metros. A saída condicionou a regata. Malia o seu xeneroso esforzo, non dispuxeron de moitas opcións de estar na loita polo podio. Bouza terá unha nova oportunidade este domingo na final da proba de C-2 500 metros.
Ademais, Tania Fernández, compoñente do K-4 500, foi quinta, mentres que Ana Varela e Carla Pérez, do Kayak Tudense, intentárono todo no K-2 200. Pero nunha das semifinais non foron capaces de aguantar o ritmo dos seus rivais. As galegas demostraron que aínda teñen capacidade de mellora.