PonteNoite 5+5: un espectáculo nocturno de atletismo polas rúas de Pontevedra
633 corredores inscritos, segundo a organización, converteron á primeira edición da carreira PonteNoite 5 5 en todo un éxito. Esta nova carreira popular do calendario pontevedrés disputábase por boa parte do casco urbano de Pontevedra e nun horario pouco habitual para este tipo de probas, as 21.30 horas. Estes dous aspectos permitiron, sen dúbida, que a carreira fose todo un espectáculo.
Na proba de 10.000 metros, puntuable para o Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) de Pontevedra, o gañador foi Rafael Fuentes, atleta da Sociedad Gimanástica. Completou o percorrido en 30'48". Segundo foi José Antonio Ramallo e terceiro, Elías Domínguez. Na categoría feminina, o triunfo foi para Sofía Freaza cun tempo de 38'05". Acompañáronlle no pódium Raquel Guimeráns e Verónica Romero, segunda e terceira, respectivamente.
Foron ambas carreiras moi rápidas, especialmente a masculina. Arroupados polos centos de pontevedreses que abarrotaban as rúas polas que discorrían a proba, Rafael Fuentes, José Antonio Ramallo e Elías Domínguez marcaron un ritmo moi forte. Destacáronse xa desde os primeiros metros. Foron igualados ata o primeiro 5.000. Foi entón cando o atleta da Gimnástica deu un punto máis de velocidade á carreira que lle permitiu superar aos seus rivais.
Tras esta carreira, a terceira do circuíto CCCP, a clasificación xeral está liderada por José Antonio Ramallo e Elías Domínguez. Teñen unha importante vantaxe sobre o marinense Víctor Riobó, que non puido participar nesta proba ao estar disputando o Campionato de España de Federacións Autonómicas en Avilés. A próxima proba será a carreira de Santiaguiño do Burgo, o próximo 25 de xullo.
Pola súa banda, na outra proba que completaba esta carreira PonteNoite 5x5, a de 5.000 metros, a vitoria foi para Diego Pereiro. O atleta de Mos asinou un tempo de 16'27". Segundo e terceiro foron Antón Gómez e José Ramón Docampo. Entre as mozas, a máis rápida foi a morañesa Celina Rodríguez cun tempo de 23'02". Tras ela chegaron María del Mar Dopazo e María Barroso.
PERCORRIDO DA PROBA
A Carreira Nocturna 5 5 PonteNoite discorreu polo seguinte percorrido: Praza de España, Michelena, Peregrina, Andrés Muruáis, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Xeneral Rubín, paseo Valle Inclán, praza Constitución, Augusto García Sánchez, praza de Galicia, Andrés Mellado, Sagasta, Castelao, Daniel De la Sota, Benito Corbal, Peregrina, paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Pai Sarmiento, César Boente, Sierra, Valentín García Escudero, praza Celso García De la Riega, Ponte, Enfesta de San Telmo, Barón, Peirao, Arcebispo Malvar, praza de España, Alameda, Doutor E. Marescot, Martitegui, praza Concepción Arenal, Alfonso XIII, Echegaray, Alameda, Raíña Vitoria, San José, Riestra e praza de España.
Aproximadamente ás nove da noite a Policía Local procedeu ao peche do tráfico rodado polo circuíto, que se volveu abrir contra as once da noite.
Relacionadas:
-
O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra terá segunda edición en 2014
Por Diego Espiño |
-
A Carreira Pedestre Santiaguiño do Burgo reinvéntase na súa 17 edición
Por Diego Espiño |
-
Restricións circulatorias o sábado 15 de xuño pola carreira pedestre PonteNoite
Por Redacción |
-
O 15 de xuño desenvólvese a carreira popular nocturna 5+5 Pontenoite: para correr 10 mil ou 5 mil metros
Por Diego Espiño |