Teresa Portela, prata en K-1 200, e Raquel Rodríguez, cuarta en C-2 500, brillan no Europeo de Piragüismo en Pista
Por Alejandro Espiño
Teresa Portela é todo un seguro de éxito para o piragüismo galego. Logrou a medalla de prata no Campionato de Europa de pista que se disputou esta fin de semana en Montemor o Velho (Portugal). Na súa especialidade de K-1 200 metros rozou a vitoria. Separárona do triunfo escasas milésimas. O resto de galegos tiveron unha boa actuación, aínda que non lograron estar no podio. Preto estivo outra muller, a pontevedresa Raquel Rodríguez, cuarta en C-2 500 metros.
Teresa Portela, catro veces campioa de Europa nesta disciplina, demostrou en K-1 200 metros que a experiencia é un grao. O seu amplo coñecemento da distancia e tamén dos seus rivais permitiulle lograr a medalla de prata, aínda que puido lograr o ouro no suspiro final. Desde a primeira palada, marcou ás súas rivais e esperou o momento decisivo. Foron pouco máis de 42 segundos intensos e cargados de igualdade.
Sen perder a concentración, foi capaz de manterse sempre entre as tres primeiras. Pero os últimos metros foron decisivos. Nunha chegada con moita igualdade, Marta Walczykiewicz superoulle. Pero entre ambas existiu tan escasa marxe que os xuíces víronse na obrigación de revisar o sistema digital de chegadas. A polaca detivo o cronómetro en 42,549 segundos. Teresa Portela en 42,594.
Ao término da proba, Teresa Portela afirmoou que "vin a posibilidade de gañar, pero ao final non puido ser por escasa marxe". Sinalou que "tiña o segundo mellor tempo de todas as participantes e por iso quixen facerlles unha marcaxe. Loitei polo triunfo, pero a polaca superoume por moi pouco". Recoñeceu que "tiña boas sensacións neste campionato. adestrara ben, pero as rivais tamén contan".
A galega, no seu regreso á alta competición logo de ser cuarta nos Xogos Olímpicos de Londres, demostrou que se atopa no bo camiño cara ao Mundial que se disputará en Alemaña, o seu gran reto para a actual tempada. "Agora o que toca é adestrar para estar na mellor forma posible para o Mundial de Alemaña", explicou. "Os meus obxectivos son os de estar na final. Despois xa se verá. Gústame ser prudente con estas cousas".
BO PAPEL DO RESTO DE PADEXEIROS GALEGOS
Tono Campos, unha das grandes apostas do piragüismo galego, non puido repetir o éxito do recente Europeo de Maratón. Foi quinto en C-1 5.000. Logo dunha boa saída e de unirse ao grupo de cabeza, foise descolgando dos favoritos ao remate da primeira volta. Malia que se esforzou ao máximo, foise atrasando aos poucos. Afastouse do grupo de favoritos e non tivo opcións de estar na loita polas medallas.
Tamén rozou as medallas a pontevedresa Raquel Rodríguez. A padexeiro, do Ciudad de Pontevedra, foi cuarta en C-2 500 metros xunto á murciana Ana Ríos. Ambas realizaron un gran esforzo, pero as súas rivais non lle deron ningunha opción para chegar ás medallas. A pontevedresa mostrouse contenta pola súa actuación. Chegar ao podio converteuse nunha misión imposible.
Cuartos quedaron tamén ÿscar Carrera e Rodrigo Germade. Rozaron a medalla de bronce en K-4 1.000 metros. No primeiro treito da proba chegaron a estar entre os tres primeiros. Con todo, perderon esa posición case ao final debido ao forte impulso dos seus adversarios. Con todo, a actuación do equipo español demostrou que pode chegar lonxe no futuro. Todos eles pertencen á categoría sub-23, polo que o cuarto lugar é un posto moi valorado. Ademais, esta embarcación transmitiu boas sensacións para o futuro.
André Oliveira e Adrián Siero foron sextos en C-2 200 metros, un bo resultado para os padexeiros galegos; Carlos Arévalo e Cristian Toro tamén foron sextos en K-2 200; do mesmo xeito que Gabriel Campos e Rubén Millán na final de K-2 500 metros. Máis lonxe das medallas quedaron José Luís Bouza e o asturiano David Fernández. Foron oitavos en C-2 500 metros.