A Xunta de Goberno aproba a resolución das subvencións deportivas da tempada 17/18
Por Diego Espiño
O goberno local de Pontevedra anunciou este luns a aprobación da resolución definitiva, por parte da Xunta de Goberno, das subvencións a clubs deportivos do municipio correspondentes á tempada 2017/2018.
Trátase dunha das dúas anualidades que reclaman as entidades deportivas como pendentes, e que contan cun orzamento total de 292.846 euros para fomentar a actividade deportiva.
Unha vez revisadas as alegacións presentadas, serán 57 os clubs que recibirán apoio económico, con cifras que van desde os 22.149 euros da Sociedad Deportiva Teucro, os 18.183 euros do Club Baloncesto Arxil ou os 16.552 euros do Club Cisne ata os 790 euros do Club de Natación Máster Pons Vetus e os 769 euros do Centro Méndez Núñez.
Segundo explicou en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Raimundo González, a baremación de méritos baseouse na categoría, o número de licenzas e os desprazamentos que debe realizar cada club ao longo do ano.
En canto á convocatoria da tempada deportiva que está preto de concluír, a 2018-2019, González sinalou que será o novo goberno, tras as eleccións do próximo 26 de maio, o que publique as axudas, algo que poderá facer "de inmediato", explicou o edil.
Relacionadas:
-
O Concello comeza a poñerse ao día coas subvencións aos clubes deportivos
Por Redacción |
-
O Concello avanza que se poñerá ao día coas subvencións deportivas "dentro deste ano"
Por Diego Espiño |
-
O PP acusa ao Concello de "asfixiar" o deporte pontevedrés
Por Redacción |
-
O PSOE pide ao goberno local que axilice a convocatoria das subvencións deportivas de 2018
Por Redacción |