O Trofeo Miguelito, unha cita obrigada para o Judo Club Pontevedra
Por Redacción
As xóvenes promesas do Judo Club Pontevedra non perderon a gran festa do judo de base autonómico, a 31 edición do Trofeo Miguelito que se celebrou o pasado domingo 19 de maio no Coliseum da Coruña.
Na cita tomaron parte ata 3.197 deportistas de entre 3 e 12 anos, sendo en moitos casos a súa primeira experiencia en eventos de competición.
Entre eles atopábanse 39 judocas do club pontevedrés, repartidos en 20 deportistas da Escola Municipal de Judo de Pontevedra e outros 19 do Judo Squash de Vilagarcía.
Este trofeo é unha data tradicional do deporte de base galego pola importante participación, e porque supón unha valiosa experiencia para todos os participantes no seu afán por seguir mellorando mentres gozan do deporte.
"Crean moita afección no deporte do judo e moven o máis importante dos nenos e nenas, a ilusión", aseguran desde o Judo Pontevedra sobre o popular trofeo celebrado no Coliseum coruñés.