Príncipe Felipe repite como escenario do Open Treboada de ximnasia acrobática
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo o pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe acollerá o Open Treboada Cidade do Lérez.
A competición de ximnasia acrobática organizada polo Club Treboada de Pontevedra reunirá na cidade a 385 deportistas de 10 clubs.
Cinco destes equipos son galegos (Flic Flac, Nigrán, Gondomar, Vila de Marín e o propio Treboada), un de Asturias (Acroastury) e catro de Portugal (Porto, Maia, Leiría e Alhandra).
A cita, todo unha proba de nivel para os próximos campionatos de España e Portugal, dará comezo este xoves 23 de maio e prolongarase ata o domingo día 26. Tras unhas primeiras xornadas de clasificacións, durante a tarde do sábado (desde 15:30 horas) disputaranse as semifinais e o domingo (10:00 horas) será a quenda das diferentes finais.
Entre os inscritos no Open Cidade de Lérez atópanse os líderes do ranking mundial de cuartetos, Federico Silva, Herique Goçalves, Henrique Pinto e Miguel Pinto (Acro Clube de Maia), e tamén de parellas, as súas compañeiras de equipo Rita Ferreira e Ana Teixeira.