Luismi, confirmado por unha tempada máis como adestrador do Pontevedra
Por Diego Espiño
Primeira incógnita resolta. Luís Miguel Areda 'Luismi' seguirá sendo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol a próxima tempada.
O club anunciou este xoves, tras o último adestramento do curso, o acordo co técnico para que siga ocupando o banco de Pasarón un ano máis e comande o novo proxecto deportivo, o seu segundo proxecto desde o inicio tras a súa chegada na metade da liga 16/17 para substituír no cargo a Luisito.
Non foi unha negociación longa, xa que os contactos entre ambas as partes producíronse ao comezo da semana, sendo Luismi a primeira opción do Pontevedra tras cumprir o obxectivo de pelexar ata o final da competición por entrar no play-off de ascenso.
A do adestrador é a primeira pedra do novo proxecto deportivo, que estes días terá que dar importantes pasos para lograr as primeiras renovacións.
"Seguimos traballando para dar continuidade ao proxecto", aseguran desde a entidade, e iso pasa por tentar que un bo número de futbolistas do actual plantel continuen. Neste aspecto, despois do adestramento celebrado este xoves no Estadio Municipal de Pasarón, os xogadores pasaron polas oficinas do club para manter un primeiro contacto coa directiva antes de iniciar as súas vacacións.
Polo momento, son seis os futbolistas que contan con contrato en vigor: Edu Sousa, Pedro Vázquez, Javi Pazos, David Castro, Romay e Mouriño, que regresará da súa cesión en Bouzas.
Na última sesión da tempada, o bo ambiente, as risas e as despedidas protagonizaron o partidiño celebrado sobre o céspede, no que participaron os membros do corpo técnico e tamén Roberto Feáns, conselleiro responsable da planificación deportiva. Todo iso con dous porteiros de excepción como foron Campillo e Adrián Léon, que colleron as luvas entre as bromas dos seus compañeiros antes de finalizar cunha foto de grupo a modo de despedida.
Relacionadas:
-
O Pontevedra deseña unha pretempada de cinco semanas
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa ve "clave" manter un bo grupo no Pontevedra ante unha 2ªB que "está poco a poco subiendo el nivel"
Por Diego Espiño |
-
Churre aposta por manter o bloque no Pontevedra: "Canta máis xente poida renovar será moito mellor"
Por Diego Espiño |
-
O centrocampista organizador, unha peza escasa e cobizada no mercado
Por Diego Espiño |
-
Asegurar fiabilidade defensiva, prioridade para o novo proxecto do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra ponse ao choio na planificación da próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
Triunfo de prestixio do Pontevedra sobre o Real Madrid Castilla para pechar a liga (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
A negociación para a continuidade de Luismi, aparcada ata o final da liga
Por Diego Espiño |