Dena, escenario da festa do fútbol base galego
Por Redacción
O campo das Cachizas, en Dena (Meaño), será escenario o vindeiro sábado 25 de maio da Fase Final do Campionato Galego de Fútbol-8 para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín.
A gran festa do fútbol base autonómico foi presentada este xoves coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, e o presidente do Unión Dena, José María Cacabelos, ademais doutras autoridades federativas e locais.
O evento reunirá en Dena aos catro mellores equipos galegos en cada unha das categorías.
Así, en categoría prebenxamín competirán polo título galego o Arosa SC, UD Santa Mariña, ED Luís Calvo Sanz e Atlético Coruña Montañeros; en idade benxamín farano o RC Celta, RC Deportivo, Conxo Santiago e Cristo de la Vitoria; mentres que en categoría alevín os catro aspirantes son RC Celta, RC Deportivo, ED Xuventude Oroso e ED Val Miñor.
A competición iniciarase ás 11:00 horas coas semifinais prebenxamíns e seguirá en horario matinal coas benxamíns (12:00 horas) e alevíns (13:00). Pola súa banda as finais ocuparán o horario de tarde ás 16:00, 17:00 e 18:00 horas respectivamente.