Ambiente inmellorable na fase final do campionato galego de fútbol-8
Por Redacción
O sol e o bo ambiente reinaron durante este sábado no campo As Cachizas de Dena, onde se disputou a fase final do campionato galego de fútbol-8, no que participaron doce equipos procedentes de toda Galicia.
Multitude de persoas acudiron ao lugar e encheron as bancadas do estadio para gozar dunha xornada de deporte e diversión, que se alongou ata a tarde.Tres foron as categorías que competiron: prebenxamíns, benxamíns e alevíns.
Nas semifinais triunfaron, no grupo dos mais pequenos, o Santa Mariña, que se enfrontou ao Montañeros (1-4) e o Luís Calvo ao derrotar ao Arosa (1-4). En benxamín, pasaron á final o Celta, deixando fóra, con total autoridade, ao Conxo Santiago (0-6), e o Deportivo, ao Cristo Vitoria (0-8). Finalmente, o final alevín decidiríase entre o Val Miñor (venceu ao Oroso) e o Celta (que eliminou ao Deportivo).
Xa pola tarde comezaron os choques definitivos, no que o Santa Mariña derrotou ao Luís Calvo por un 7-1, proclamándose campión en categoría prebenxamín. A continuación, foi a quenda do cruzamento entre o Celta e o Deportivo, no que os vigueses, cun 4-0 eliminaron calquera posibilidade de que os da Coruña vencesen en benxamín. E, para terminar, cun dobrete do club pontevedrés, o Celta venceu, tamén, no final alevín ao Val Miñor (1-4).
Mentres tanto, o resto de equipos competiron para decidir os terceiros e cuartos postos. O Arousa non logrou vencer ao Montañeiros no último encontro (3-0), pero, aínda así, todos os xogadores quedan coa boa experiencia que viviron e, sobre todo, coas ganas de repetila o próximo ano.
Entregaron os trofeos a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o concelleiro Ramón Tilve; o directivo da RFGF, Manuel Lores, e o presidente do Unión Dena, José María Cacabelos.