O Marcón, descendido a expensas dun milagroso rebote para salvar a categoría
Por Ramiro Espiño
Un Atios con sete vitorias consecutivas e a ilusión por sumar unha máis que lle garantise o terceiro posto, recibía a un Marcón Atlético que deixou os deberes sen facer ao non conseguir sumar máis que dous puntos nas últimas cinco xornadas, o que lle levou a necesitar puntuar para non deixar a súa permanencia a expensas dos sempre incertos e temidos arrastres, que esta tempada poden chegar a afectar ata a tres equipos.
As cousas seguiron a súa lóxica e ambos os equipos mantiveron traxectoria, con triunfo local e agonía visitante, que termina a liga en postos de descenso, tras ver como un dos seus rivais directos, o Velle, gañaba ao Mondariz no desconto e adiantáballes na táboa, deixando aos de Borja Burgos en posto de descenso por arrastre, do que unicamente pode salvarlle xa unha dobre carambola en forma de ascenso de dous equipos galegos de Terceira a Segunda B, que terían que ser tres no caso de que o Celta B non supere o play-out de permanencia que lle enfronta ao Alcoyano.
E iso que o partido non podía comezar mellor para os de O Carrasco cando Iván transformaba un penalti aos 14 minutos de xogo. Pero o Atios, que se empregou con contundencia, lograba empatar por medio de Mintegui pouco antes do descanso.
Co Marcón envorcado en busca dun gol que lle dese a salvación directa, no último minuto sería o Atios quen conseguía inclinar a balanza ao seu favor grazas a un tanto logrado por Manu Vilán.
A desolación caeu sobre os pontevedreses ao coñecer o desenlace do partido Velle-Mondariz, con ese polémico gol dos ourensáns, de penalti e no desconto, que condenaba ao Marcón ao descenso.
Consulta a acta do Atios-Marcón Atlético.
Derbi sen máis aliciente que superar ao veciño na clasificación. Os de San Pedro, despois de protagonizar unha segunda volta ligueira absolutamente espectacular, remontando posicións cando parecían serios candidatos ao descenso a mediados de liga, chegaban cun punto de vantaxe sobre os de Baltar de Arriba, pero estes fixeron valer o factor campo e golearon para investir posicións e superar aos seus veciños na táboa.
O dianteiro brasileiro Charles abría o marcador preto da media hora e Firi facía o segundo xusto antes do descanso.
A piques de cumprirse a hora de partido, o infortunio cebouse con Jorge Lima, que marcaba en propia porta facendo imposible calquera intento do Vilalonga por remontar.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Vilalonga.
Co descenso consumado desde fai bastantes xornadas, o U.S.D. O Grove non foi rival para un Juvenil de Ponteareas cos deberes feitos e a permanencia garantida, a pesar do seu mal momento demostrado nesas sete xornadas sen gañar. Impúxose a lóxica e os ponteareáns gañaron con autoridade ao cadro meco, que termina a liga como faroliño vermello.
Non se cumpriu o primeiro minuto cando o Juvenil xa se poñía en vantaxe, fíxoo cun gol de Roberto Fonseca, resultado co que se chegaría ao descanso, pero novamente a falta de concentración local pasoulle factura ao comezo do segundo tempo, con outro gol madrugador, esta vez obra de Carlos Piñeiro.
Os locais puxeron unha certa emoción á recta final reducindo distancias no minuto 87 por medio de Dani Pérez, pero dous minutos máis tarde o Juvenil sentenciaba co seu terceiro gol conseguido por Rubén Besada.
Consulta a acta do U.S.D. O Grove-Juvenil Ponteareas.
Alertanavia necesitaba vencer ao Beluso, ademais dun complicado milagre para polo menos mirar con certa esperanza que non lle alcanzasen os arrastres para manter a categoría. Os de Bueu non se xogaban nada no envite. A consecuencia foi que o equipo vigués sumou tres puntos que non lle salvan, pero permítenlle escalar unha posición que lle dá esperanzas de permanencia se os equipos galegos de terceira conseguen dar o salto de categoría nos play-off.
Adiantouse o Beluso aos 20 minutos grazas a un tanto de Víctor González, pero o cadro local empataba pouco despois por medio de Lopi.
Cando parecía que o marcador non se movería, no desconto os vigueses levaban o partido grazas a un gol de Nacho, que permite manter esperanzas de eludir os arrastres.
Consulta a acta do Alertanavia-Beluso.
Outro partido intranscendente disputábase na Lomba, onde un Cultural Areas en mal momento pero a salvo de todo perigo, recibía ao descendido Amanecer. Os de San Vicente despiden categoría pero fano con bo sabor de boca, logrando tres puntos tras remontar o tanto inicial dos locais que materializou Jorge aos 30 minutos de xogo.
O protagonista da remontada visitante sería Julito, que lograba empatar no minuto 36, para facer o segundo co tempo xa cumprido.
Consulta a acta do Cultural Areas-Amanecer.
O único aliciente que presentaba o partido entre Valladares e Juventud de Cambados era a posibilidade de mellorar algunha posición na táboa, especialmente para o Cambados, que perdeu fol nos catro últimos partidos nos que sumou unicamente dous puntos de doce posibles, entregando as súas opcións de loitar polo terceiro posto.
O certo é que esta vez os de Burgáns xogaron un partido serio, aínda que se complicaron ao final e case deixan escapar a cómoda renda alcanzada. A súa mellor posta en escena permitiulle chegar á media hora cunha cómoda renda de dous goles, conseguidos por Grego e Marcos Blanco.
No minuto 60 parecía quedar todo sentenciado cando marcaba novamente Grego, facendo subir o 0-3 ao marcador, pero o Valladares non se entregou, reducindo distancias por medio de Lestón, aos 82 minutos. Os vigueses tentárono ata o final ante a relaxación cambadesa, e Rubi, co tempo cumprido, facía o 2-3 definitivo.
Consulta a acta do Valladares-Juventud Cambados.
Relacionadas:
-
O Pontevedra B cae no seu regreso a Preferente ante o Cambados e o Ribadumia-Céltiga remata en tablas
Por Redacción |
-
Sorteado o calendario de Primera Galicia
Por Redacción |
-
As eliminacións de Alondras e Bergantiños no play-off confirman os descensos de Céltiga e Marcón
Por Redacción |
-
O Marcón encara a última xornada cun punto máis tras o empate ante o Alertanavia
Por Redacción |
-
O Marcón é derrotado por un rival directo, o Velle, e atrasa a súa permanencia (2-1)
Por Redacción |