O equipo absoluto feminino do Waterpolo Pontevedra, campión da Copa Galega
Por Redacción
Tempada case perfecta a que está a conseguir pechar o Club Waterpolo Pontevedra. Tras o dobrete do seu conxunto absoluto masculino, tomou a testemuña o equipo feminino para manter ben alto o listón.
As pontevedresas proclamáronse en Santiago de Compostela campioas da Copa Galega Absoluta, conseguindo por segundo ano consecutivo o dobrete ao ser tamén as actuais campioas de liga na máxima categoría autonómica.
Catro equipos participaron na fase final da Copa Galega celebrada na piscina compostelá de Santa Isabel.
Nas semifinais, o Santiago derrotou primeiro o Pabellón de Ourense por un axustado 5-4, e despois chegaba a quenda do Pontevedra ante o RCN Vigo. O partido non empezou ben para as pontevedresas, que vían como as viguesas se adiantaban cun 2-0 nos primeiros minutos, aínda que non tardaron moito en dar a volta ao marcador para chegar ao ecuador do partido cun favorable 2-4. Cun gran terceiro cuarto, cun parcial de 0-5, deixaron practicamente sentenciado o duelo, para finalizar cun 4-13 que lle metía na final.
Xa no duelo polo título, un gran inicio puxo todo moi favorable (0-4). Con esta vantaxe inicial o CW Pontevedra foi capaz de manter o control do partido ata chegar ao definitivo 7-11 que lles daba o título confirmando a súa sobresaliente campaña.
Relacionadas:
-
O equipo cadete confirma o paso adiante do Waterpolo Pontevedra
Por Redacción |
-
A base do waterpolo galego mídese no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra organizará en Marín o Campionato de España Xuvenil de 2ª División
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra alza a Copa Galega e consegue o seu segundo dobrete consecutivo
Por Redacción |
-
O CW Pontevedra, de novo campión da Liga Galega de waterpolo
Por Redacción |
-
O equipo feminino do Waterpolo Pontevedra, campión de liga
Por Redacción |