O Cros de Cabo Udra chega á súa cuarta edición
Por Redacción
Bueu será escenario o vindeiro domingo 16 de xuño da cuarta edición do Cros de Cabo Udra, organizado nesta ocasión pola Agrupación Deportiva de Fútbol Sala Bueu, o CEIP Montemogos, o Club de Atletismo Corredoiras e o Concello.
A xornada incluirá, ademais das carreiras deportivas tanto en idade sénior como en categorías inferiores, unha andaina popular.
Será precisamente a andaina, de 10 quilómetros, a que inaugurará as actividades ás 9:45 horas. Despois, desde as 10:00 horas, irán competindo as diferentes categorías infantís ata a quenda das probas absolutas. Estas serán a carreira popular (4,2 quilómetros) con saída ás 11:15 horas e a proba absoluta (10 quilómetros) ás 12:00 horas.
Á cita apuntáronse preto de 400 participantes, aínda que as inscricións continuarán abertas en www.championchipnorte.com ata o 12 de xuño. O custo de participación é de 8 euros no caso das carreiras absoluta e popular, 5 euros na camiñada, e gratuíta no resto das categorías.
O Cros Cabo Udra naceu hai catro anos coa intención de recuperar o Cros de Beluso, proba que chegou a ser considerada como un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que se deixou de organizar no ano 2003.
Ademais de deporte, o día preséntase como unha xornada de convivencia familiar con actividades paralelas entre as que destacan un parque infantil, un rocódromo inchable, xogos populares, unha proba de orientación, unha exhibición de zoa e dous talleres de confección de chapas e grafitis.