A Xunta achega 10.160 euros para renovar o material deportivo das Canteiras, en Cuntis
Por Redacción
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asinaron este venres o convenio para acometer a adquisición de equipamento deportivo para as instalacións deportivas das Canteiras.
En virtude do mesmo a administración autonómica achegará 10.160,16 euros.
Esta instalación deportiva, que conta con pista de atletismo, atopábase coa necesidade de acometer unha renovación no seu equipamento deportivo, debido á alta utilización do espazo.
Segundo o máximo mandatario do deporte galego este convenio beneficiará especialmente aos nenos e nenas, da localidade e doutras zonas, que acoden regularmente a competicións como a recente fase clasificatoria provincial de atletismo na que participaron 228 atletas de sete centros educativos de Cuntis, Moraña e A Estrada.
A renovación do material acometerase integramente coa achega destes fondos por parte da Secretaría Xeral para o Deporte.