250 persoas toman parte no IV Tríatlon de Poio en Lourido
Por Redacción & Diego Torrado
Este sábado disputouse na praia de Lourido o Tríatlon do Concello de Poio, unha das citas deportivas máis esperadas, sobre todo polo CCTP, club anfitrión da xornada. 250 foron os deportistas que decidiron acudir á praia pontevedresa para participar nesta novena edición da proba, que, ademais, era decisiva para establecer as clasificacións ao Campionato Galego da disciplina no caso das categorías absolutas.
Pero non só os triatletas federados puideron tomar parte na mesma, senón tamén calquera persoa de forma gratuíta, con todo, de terminar unha vez concluído o tempo límite, o seu resultado non sería tido en conta unha vez concluída a competición (proba con corte).
O tramo a nado desenvolveuse na mesma praia de Lourido, mentres que a proba ciclista percorreu a estrada ata a rotonda situada na AP-9, para acabar cos últimos quilómetros a pé ao longo do paseo unha vez de volta.
A primeira parte comezou pouco despois das 15:30 horas, coa proba popular, na que os deportistas tiveron que facer fronte a 300 metros a nado, 8 quilómetros sobre a bicicleta e 2’5 a pé.
A continuación, a partir das 16:30, foi a quenda das probas sen corte, é dicir, todos os participantes a partir de sub-23 e sen límite de tempo. Neste caso, o traxecto foi máis intenso (25 quilómetros en total), xa que o tramo na auga aumentou ata os 750 metros, 20 quilómetros de ciclismo e os últimos 5 de carreira a pé, o que se coñece como distancia sprint.
Unha vez finalizadas ambas as probas, ao redor das 17:50, colleron a testemuña as mulleres elite, onde Natalia Hidalgo finalizou en primeira posición (1:14:03), seguidas, finalmente, polos homes elite dez minutos despois, onde triunfou Andrés Cendán (1:01:49).
Do mesmo xeito que en anos anteriores, os gañadores recibiron un premio económico e un agasallo como recordo da súa participación na cita.