Os 'kamikazes' inauguraron no Lago de Castiñeiras a Copa Galicia de Descenso
Por Redacción
A Copa Galicia de Descenso BTT abriu o pano a fin de semana en Marín, concretamente no Lago de Castiñeiras coa proba organizada por sexto ano polo Club Deportivo Kamikazes.
O máster-30 Manuel Pellón, gañador unha semana antes do Campionato de España de Enduro, non acusou o cambio de disciplina e ofreceu un recital sendo o máis rápido dos 107 participantes, tanto na clasificatoria como na final. Na súa primeira baixada detivo o reloxo en 2 minutos e 37 segundos e na final rebaixou a súa marca en 2 segundos.
Aos seus rexistros non se achegou ninguén, pero a emoción puxérona tres pilotos separados por tan só un segundo na loita pola segunda posición absoluta e, a súa vez, polo triunfo na categoría Sub23. Álex Paz (Compostelano) impúxose nesta batalla cun tempo de 2:40.837, Kevin Méndez (Rocasport Giant) asinou un crono de 2:40.951 e Víctor Mariño (XBikes) quedou en 2:41.885.
Tamén foi vibrante a pugna entre os elites, cos catro primeiros nunha marxe de menos dun segundo. Esteban Paz (VK Bikes) realizou a baixada en 2:45.001 e venceu con 131 milésimas de vantaxe sobre Sergio Peleteiro (Turoqua). Abel Rial (Compostelano) e Javier Fernández (Travesas) concluíron terceiro e cuarto, respectivamente.
Os éxitos do BDM Bike Club non se limitaron ao triunfo de Pellón. A súa compañeira de equipo Estefanía Cabarcos cumpriu co seu papel de favorita na competición feminina e conseguiu a primeira posición cunha marca de 3:27. Segunda, a 9 segundos, finalizou Uxía Álvarez (Coruxo) e o podio completouno Paula Seoane (Barbanzabike).
O cadete Borja Fernández (Coruxo), o júnior Mario Fernández (O Rosal), o máster-40 Miguel Ángel Pintos (Travesas) e o máster-50/60 Manuel Paz (Compostelano) tamén vestiron coas camisolas de líderes como gañadores desta primeira cita do calendario de Descenso. Marcos Araújo (MRBikes) pola súa banda levou o trofeo como vencedor da proba de Enduro.