Problemas de seguridade obrigan a cancelar o Gran Premio Rogelio Acuña de ciclismo
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Club Ciclista Farto anunciou a cancelación do III Gran Premio Rogelio Acuña Cidade de Pontevedra que se ía a disputar o vindeiro sábado 13 de xullo.
O equipo ciclista asegura que detrás desta decisión está a falta de efectivos da Policía Local, que alegou "motivos de seguridade e discrepancias" para opoñerse á súa celebración, aseguran desde o club, ao contar "con oito efectivos".
Tanto o Servizo Municipal de Deportes como a Federación Galega de Ciclismo deran o visto e prace para a celebración do evento, que chegaba este ano á súa terceira edición, pero "a Policía Local deu un non rotundo á realización da proba, non deixando outra opción que a suspensión", explica o Farto.
A entidade deportiva asegura que se ofreceu a axudar na organización e seguridade con varios membros do club, pero a oferta non resultou suficiente.
"Desta maneira conseguen boicotear a proba do club dedicada ao fomento da bicicleta entre os máis novos", sinala o Farto.
O Gran Premio Rogelio Acuña tiña previsto disputarse cun programa de competición que incluía carreiras para as escolas deportivas e as categorías cadete, xuvenil, elite e sub-23 e a categoría máster.
NON SE GARANTÍA A SEGURIDADE, DI O CONCELLO
Con todo, desde o Concello recordan que, como en toda proba deportiva que se celebra en Pontevedra, o goberno municipal debe esixir garantías de seguridade aos organizadores de eventos nos espazos públicos para protexer os participantes e os veciños.
A concelleira Eva Vilaverde, responsable de Seguridade Cidadá, asegurou que no caso desta carreira a Policía Local "en ningún momento prohibe facer a proba", senón que reclama e esixe da organización da carreira os medios necesarios para celebrala en óptimas condicións de seguridade, ao igual que se reclama a calquera outro organizador de eventos deportivos.
"Como non puideron garantir estas medidas, decidiron suspender a proba", explicou Vilaverde, que tamén indicou que foi a Policía Local quen en todo momento se puxo en contacto cos organizadores, a escasos días da súa celebración, cando o proceder habitual é traballar sobre estes aspectos con semanas de adianto.