Sufrida vitoria de España sobre Tunes para asegurar o liderado
Por Manu Otero
Sufrida vitoria de España na segunda xornada do Mundial Júnior de Balonmán que se disputou no pavillón vigués de As Travesas. Os de Isidoro Martínez, despois dunha espléndida primeira parte, pasaron máis apuros dos esperados no segundo tempo para asegurar un triunfo que, grazas ao acerto nos minutos finais, foi demasiado avultada para os méritos realizados polo combinado norteafricano.
Coa segunda vitoria consecutiva, a selección afianza o seu dominio no grupo A e xa ten pé e medio nos oitavos de final.
O partido empezou moi ben para os intereses españois, que nos primeiros minutos de xogo conseguiron un parcial de 4 a 0. Tunes soubo reaccionar e, mediado o primeiro tempo, reduciu as diferenzas no marcador a só dous goles. E tiveron opcións de neutralizar a vantaxe, pero apareceu o porteiro Kilian Ramírez para deter un penalti e o posterior rexeite.
Eran os peores minutos dos anfitrións, que perderon de vista a portería do seu rival. Pero baixo os tres paus emerxeu a figura de Ramírez para evitar que os visitantes volteasen o marcador. Ao fío do descanso, España volveu atopar a inspiración ofensiva e asinou un parcial de 6-0 que deixaba o partido, cun 8-15 no marcador, visto para sentenza.
Pero todo cambiou tras o paso por vestiarios. España volveu esquecer o camiño cara á meta tunisiana e Kilian xa non foi capaz de seguir sendo o salvador. En poucos minutos, a Selección xa sentía o alento tinecino nas súas costas cunha concisa renda de tres goles. O partido entrou entón nunha fase de intercambio de golpes e tamén de erros. Só o acerto anotador do extremo Gonzalo Pérez permitiu aos de Isidoro Martínez manterse por diante.
Nos minutos finais, Tunes lanzouse polo empate pero os seus xogadores non estiveron precisos. Todo o contrario que os españois que castigaron os fallos do seu rival con mísiles teledirigidos de Tarrafeta, Valera e Serradilla para disparar a renda de vantaxe ata os seis goles.
Sufriu máis do previsto España. O marcador final, 20-26, non o reflicte pero si a celebración e xestos de alivio dos xogadores ao terminar o encontro.
Relacionadas:
-
España afúndese na última xogada despois de romontar seis goles a Francia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
España cae ante Eslovenia e xogará os oitavos de final do Mundial Júnior de balonmán contra Francia
Por Redacción |
-
España, a polo liderado de grupo no Mundial Júnior de balonmán
Por Redacción |
-
Dinamarca cae ante Islandia e dá emoción ao grupo D do Mundial júnior de balonmán
Por Sofía Lorenzo & Cristina Saiz |
-
Dinamarca afianza o seu dominio cunha plácida vitoria sobre Arxentina no Municipal de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
España súa para bater a Serbia pero xa está en oitavos de final
Por Manu Otero |
-
Croacia arrebata o liderado do grupo C a Brasil en Pontevedra na segunda xornada do mundial de balonmán
Por Manu Otero |
-
España devora a Estados Unidos no Municipal de Pontevedra (34-13)
Por Manu Otero |