Un festival de xadrez en Pontevedra
Por Manu Otero
A sétima edición do Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra xa está en marcha e encherá de taboleiros a cidade durante quince días. O evento, que inclúe un campus internacional, sesións de partidas simultáneas na rúa, clases maxistrais para adultos e o propio torneo, foi presentado este venres no Concello.
O director do evento e membro da Escola Xadrez Pontevedra, Pablo García, destacou a calidade dun evento que deixou deser hai anos un simple torneo para converterse "nun festival" que, con máis de douscentos inscritos, baterá todos os récords de participación de campionatos de xadrez en Galicia. Estarán en Pontevedra para disputar o torneo entre o 8 e o 14 de agosto o subcampión do mundo Alexei Shirov, o gran mestre ruso Evgeny Solozhenkin, trinta mestres internacionais e a prometedora xogadora rusa de 16 anos Elizaveta Solozhenkina. Desde a organización destacan a importancia desta xogadora para promover o xadrez entre o público feminino, debido a que na elite deste deporte só hai unha muller por cada cen homes.
O campionato será retransmitido por Internet e os principais portais do mundo emitirán o sinal en directo. "Nos países suramericanos ten moito seguimento", detalla García, quen confirma que ademais do ámbito deportivo, o torneo terá unha importante repercusión na promoción de Pontevedra e no turismo.
De forma paralela ao torneo internacional, está a celebrarse na cidade o Campis Internacional Ramón Escudeiro Tilve do 1 ao 15 con 55 alumnos de España, Portugal e Inglaterra. Este sábado na praza de Curros Enríquez haberá sesións de partidas simultáneas co gran mestre Pérez Candelario e os mestres internacionais Antonio Frois e Daniel Rivera. A xornada repetirase o 15 de agosto na contorna de Santa María. E nas aulas do colexio Os Salgueiros terá lugar un curso maxistral de xadrez para adultos.
Na presentación do torneo, o vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, destacou a aposta da Universidade por este deporte, que o ofertan como materia para os cursos de adultos e ademais dispoñen dun equipo de competición. Pola súa banda, a concelleira Anabel Gulías destacou a elevada participación no campionato e o labor social da Escola Xadrez; e a secretaria dos Salgueiros, María Teresa Vázquez, mostrou a predisposición do centro para seguir colaborando co evento.
Relacionadas:
-
Os Mestres do xadrez Mundial cítanse en Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
O campionato de xadrez máis numeroso da historia de Pontevedra ponse en marcha
Por Manu Otero |
-
Xadrez na Rúa e Pontexadrez, dobre cita na Praza de España
Por Redacción |
-
Chega á súa fin a cuarta aventura solidaria da Escola Xadrez Pontevedra en Jordania
Por Redacción |