O bádminton do CGTD colleita catro medallas no europeo de Ankara
Por Redacción
Tres xogadores de bádminton do Centro Galego de Tecnificación Deportiva regresaron a Pontevedra con catro medallas despois de participar na proba do Campionato de Europa sub 17 que se celebrou a pasada fin de semana na capital turca de Ankara.
Lucía Rodríguez, do Bádminton As Neves, e Jacobo Fernández, do San Amaro, fixéronse coa medalla de prata na modalidade de dobres mixtos. O mesmo metal que conseguiron na competición individual. Nas finais, os galegos caeron contra a parella turca formada por Burac e Betkas, mentres que no cadro individual foi Yemisen e Sarac os verdugos.
Pola súa banda, Ana Setién (CB Cíes) quedou a un paso da final tras caer en semifinais, aínda que no partido polo terceiro posto puido resarcirse e colgarse finalmente a medalla de bronce.
Os tres xogadores están convocados para disputar a primeira semana de setembro o campionato de Europa xuvenil en Polonia.