Bea Gómez volve brillar na piscina
Por Manu Otero
Un ano despois de subirse ao podio nun campionato de España e co regreso ao equipo que a viu crecer polo medio, a nadadora pontevedresa, Bea Gómez, volve catar o sabor das medallas. A deportista do CN Galaico fíxose esta semana con dous metais no Campionato de España Absoluto de verán celebrado en Terrassa.
A exnadadora do CN Sabadell conseguiu a medalla de prata nos 400 estilos e a de bronce en 200 estilos. Na primeira das probas, Gómez colocouse en segunda posición desde o inicio da carreira pero non tivo opción de dar caza a Catalina Corro, do CN Sabadell, que gañou a proba con tres segundos de vantaxe. Tampouco correu perigo a prata, pois a súa perseguidora chegou a meta case tres segundos despois.
O desenvolvemento dos 200 estilos foi similar. Desde o comezo, Bea Gómez agarrou a terceira posición da proba e xa non a soltaría ata o final. Por diante, Catalina Corro foi inalcanzable. Non tanto África Zamorano, do CN Sant Andreu, que avantaxou só no medio segundo á nadadora do CN Galaico.
Con esta actuación, Bea Gómez parece deixar atrás os problemas de hemicrania que lle impiden adestrar con normalidade e preparar probas de maior duración. Agora volve gozar do deporte no que destacou desde moi novo e no que só os problemas de saúde impedíronlle triunfar a nivel internacional con maior regularidade.
Outra destacada actuación foi a de María Vilas, a nadadora olímpica tamén nas filas do Galaico e despois de superar problemas persoais que a apartaron da piscina, conseguiu unha medalla de prata nos 1.500 libres. Os bos resultados de ambas as nadadoras valéronlle ao CN Galaico para terminar o campionato no oitavo posto da clasificación por clubs.
Relacionadas:
-
O Natación Galaico contará con 320 nadadores para a nova tempada
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Os nadadores do CN Galaico exhíbense no galego de augas abertas
Por Redacción |
-
María Vilas e Bea Gómez son subcampionas de España
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O Galaico roza as medallas con Bea Gómez e María Vilas no Campionato de España Open
Por Redacción |
-
Bea Gómez e María Vilas incorpóranse ao Club Natación Galaico
Por Sofía Lorenzo |