O Pontevedra B e os xuvenís da escadra granate adestrarán no novo campo de fútbol de Gatomorto
Por Oskar Viéitez
Os xogadores pertencentes ao Pontevedra B e ao filial xuvenil da escadra granate empregarán para os seus adestramentos as instalacións do novo campo de fútbol de Gatormorto, na parroquia de Santa María de Xeve. Así o confirmou o concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, quen precisou que os futbolistas das categorías inferiores do Pontevedra CF terán o terreo de xogo á súa disposición "de luns a venres, polas mañás e ás tardes, de 19:00 a 22:00 horas".
Tal e como estaba previsto, os rapaces da escola deportiva de Xeve farán uso prioritario do novo campo de herba sintética de Gatomorto. En concreto, segundo explica Tino Fernández, disporán do terreo "tres días por semana, luns, mércores e venres, polas tardes, entre as 17:00 e as 19:00 horas". "Tamén se acordou que empreguen o campo algúns equipos de veteráns", matizou o edil de Deportes.
Covsa, empresa adxudicataria, entregou o pasado día 8 de agosto a Fernández as chaves das instalacións de Santa María de Xeve, nas que o Concello de Pontevedra investiu un millón de euros: 859.953,23 euros para a execución das obras e outros 110.000 euros para a adquisición de diversa equipación deportiva (un marcador e porterías), o peche perimetral do campo e o acordo de mantemento do céspede artificial por un período de cinco anos.
O terreo de xogo permite albergar un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7, e cumpre con tódolos requisitos técnicos esixidos pola FIFA para as competicións oficiais. Dispón de catro vestiarios para xogadores e dous para árbitros, entradas ao campo separadas para público e xogadores, enfemería, almacén, nova instalación eléctrica e iluminación e catro cámaras de seguridade.