O Pontevedra chega lanzado ao comezo de liga
Por Manu Otero
O Pontevedra pechou este domingo a preparación da nova campaña coa maior goleada da pretemporada. Os granates derrotaron ao Arosa por catro goles a cero na Lomba, un resultado que deixou máis que satisfeito ao adestrador Luismi Areda. "Fixemos un partido serio, defensivamente o equipo está ben, conseguimos manter a portería a cero ante un bo rival e en ataque estivemos moi eficaces", declarou o técnico tras o encontro.
Máis aló do acerto ofensivo do equipo, Luismi puxo en valor a solidez defensiva dos seus. "En momentos nos que estabamos máis apertados polo rival, soubemos sufrir e contrarrestar o seu xogo ofensivo. É para estar satisfeito", valorou o preparador vigués, quen tamén se mostrou contento por "facer catro goles a un equipo que vai estar pelexando polo play- off de ascenso a Segunda B", rematou.
Nunha análise global da pretemporada, Luismi recoñeceu que o Pontevedra non ofreceu a súa mellor imaxe ante equipos aparentemente inferiores. Con todo, "con rivais de maior esixencia o equipo deu un nivel bo, o balance é positivo, estou contento", subliña.
CONTRA O CORUXO, O SÁBADO
Co debut ligueiro entre cella e cella, o adestrador granate considera que os seus xogadores chegan "co ritmo necesario para afrontar o primeiro partido de liga" e a súa única preocupación é recuperar fisicamente aos dianteiros Javi pazos e Adighibe, que se retiraron da Lomba con molestias, aínda que as lesións non revisten gravidade polo que a súa participación contra o Coruxo non corre perigo. Os que si que estarán, despois de superar os seus problemas físicos, son Javi López, Pol Bueso e Pedro Vázquez, que disputou contra o Arousa os seus primeiros minutos da pretemporada.
O primeiro partido de liga do Pontevedra será o sábado ás 20.30 horas en Pasarón fronte ao Coruxo.
Relacionadas:
-
Luismi agarda que Pasarón siga sendo o fortín do curso pasado no debut fronte ao Coruxo
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra pide á Peregrina a milagre do ascenso
Por Manu Otero |
-
Pegada e bo fútbol do Pontevedra para golear ao Arosa (0-4)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Edu e os penaltis fan sorrir ao Pontevedra en Vilalba (1-1)
Por Redacción |
-
O Pontevedra afina puntería á conta do Juvenil Ponteareas (0-3)
Por Redacción |