O piragüismo pontevedrés, ao asalto dunha praza para os Xogos Olímpicos en Hungría
Por Manu Otero
Queda menos dun ano para que se acenda o pebetero olímpico de Tokio e os deportistas están xa metidos de cheo na procura dun billete para a competición máis esperada do mundo deportivo. Na cidade húngara de Szeged, entre o 21 e 25 de agosto, celébrase o campionato do mundo de piragüismo sprint coas derradeiras prazas para os Xogos Olímpicos en liza. Alí estarán dez padeeiros da comarca de Pontevedra e Arousa.
Á fronte da delegación galega, que acode a Hungría con once padeeiros e unha media de idade de 22 anos, está Teresa Portela, que busca o paso aos seus sextos xogos olímpicos na modalidade de K1-200. Para cumprir esta fazaña, a piragüista do UCAM Murcia, debe terminar entre as cinco primeiras clasificadas.
Para facer realidade o soño de clasificarse para os seus primeiros Xogos, a kayakista pontevedresa Carolina García terá que terminar tamén entre as cinco mellores. Un reto maiúsculo para a padeeira do EP Ciudad de Pontevedra, que debuta no K1-500 no seu segundo ano en categoría absoluta enfrontándose a rivais da talla de Danuta Kozak ou Lisa Carrington.
A súa compañeira de equipo, Antía Jácome, tentará facer o propio no C2-500 xunto á valisoletana Patricia Coco. Para logralo deberán acabar entre as oito primeiras, aínda que a pontevedresa xa ten asegurada a súa presenza nos Xogos no C1-200.
Outra dupla que ten como meta a clasificación para Tokio 2020, son os padeeiros do CP Poio, Sergio Vallejo e Adrián Sieiro. A parella leva varios anos adestrando xuntos e cultivando éxitos, o seu salto ao centro de alto rendemento de Sevilla serviulles para mellorar aínda máis o seu rendemento sobre a canoa. Agora aspiran ao podio no mundial, aínda que con terminar entre os oito primeiros bastaríalles para competir na capital nipoa na modalidade de C2-1000.
O pontevedrés David Barreiro buscará tamén a gloria no C1-500, do mesmo xeito que o seu veciño Pablo Graña, que o fará no C2-200 xunto ao seu compañeiro madrileño, Alberto Pedrero.
A grovense Natalia García tamén acudirá a Szeged coa ilusión de clasificarse, xunto ás súas compañeiras do K4-500, á súa primeira cita olímpica. Para logralo deben concluír entre as dez primeiras. Os arousáns Tono Campos e Iago Monteagudo participarán tamén no campionato en busca dun novo título mundial para o piragüismo galego.
AO MUNDIAL DE MARATÓN
O campionato de españa de piragüismo maratón disputado esta fin de semana en Pontevedra repartiu tamén numerosos billetes para o mundial que se disputará en China no mes de outubro. Alí estarán as pontevedresas Jenifer Casal ( C1) e Raquel Rodríguez ( C1), ademais de Óscar Graña (C2). Tamén participarán na cita mundialista Tono Campos (en C1 e C2), Diego Romero ( C2) e Tania Álvarez ( K2).
Relacionadas:
-
Dobre medalla de bronce para os piragüistas galegos no test de Tokio
Por Redacción |
-
A selección española de piragüismo, con cinco padeeiros da comarca na lista, proba o campo de regatas de Tokio
Por Redacción |
-
EP Ciudad de Pontevedra consegue a prata por equipos na Baixada do Eume
Por Redacción |
-
A embarcación de Rodrigo Germade, subcampioa do Mundo en Hungría
Por Redacción |
-
Teresa Portela fai historia en Hungría e encara os seus sextos Xogos Olímpicos
Por Sofía Lorenzo |
-
O pontevedrés Pablo Graña consegue a primeira medalla de ouro para España no mundial de Hungría
Por Manu Otero |
-
Os padeeiros pontevedreses avanzan con paso firme en Hungría
Por Manu Otero |
-
Jenifer Casal, Raquel Rodríguez, Jaime Sobrado e Óscar Graña xa teñen a súa praza no Mundial de distancia maratón
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Dous ouros e dúas pratas na primeira xornada do Campionato de España Maratón
Por Sofía Lorenzo |