Cita portuguesa para os máis novos do Súper Froiz
Por Redacción
Cunha parte do equipo correndo a Volta a Cantabria, os máis novos do Súper Froiz trasládanse a Portugal para disputar unha das probas máis importantes do calendario portugués, a edición número 27 da Volta ao Futuro.
A competición, na que participará a categoría sub-23 do club pontevedrés, celebrarase desde o xoves día 5 ata o domingo 8 de setembro con saída en Serta e meta en Portalegre.
Na primeira etapa, o pelotón formado por Jorge Suárez, Aitor Bugarín, Aaron Mariño, Abel Franco, Jesús Pociña, Guillermo García e Adrián Barros, percorrerá un circuíto en Serta onde realizará catro voltas dun total de 115 quilómetros.
O segundo día será a etapa máis longa, comeza e termina en Abrantes e ten 168,2 quilómetros.
Ao día seguinte, Abrantes volverá dar saída á terceira e á cuarta etapa. Durante a mañá do sábado percorrerán 79,9 quilómetros ata chegar a Castelo de Vide e, pola tarde, será a contrarreloxo de 8,4 quilómetros con subida á ermida de Sr. Da Penha na Serra de Sao Paulo.
A quinta e última etapa ten 122,8 quilómetros e os corredores subirán a Crato, Monforte e Arroches e, na fase final, serán os dous decisivos premios de segunda categoría, Serra de Sao Mamede e Cabeço do Mouro.