180 ciclistas compiten no Gran Premio Cidade de Pontevedra, que busca un oco na Copa de España
Por Manu Otero
Setembro é un mes para o ciclismo. O día que termina A Volta a España e cinco días antes do pistoletazo oficial da Volta a Galicia, a cidade do Lérez será o foco de todas as miradas do ciclismo amateur coa celebración do clásico Gran Premio Cidade de Pontevedra. Unha carreira de 100 quilómetros, na que participarán 180 corredores, que servirá tamén para enxalzar a figura do histórico ciclista Rogelio Acuña.
O pelotón, no que haberá deportistas de categoría sub 23, elite, máster 30 e máster 40; partirá ás 10 horas deste domingo desde a Praza de España e a chegada a meta, que estará na mesma localización, está prevista para as 12.30 horas.
Os corredores sairán de Pontevedra con destino a Marín para dirixirse logo a Bueu e ascender cara a Domaio. Desde alí poñerán rumbo cara a Santa Cristina de Cobres para continuar cara a Arcade e un segundo ascenso cara a Ponte Caldelas. Desde alí, o pelotón encarará a fase final da proba, un rápido descenso por Marcón e Bora, ata entrar de novo no centro de Pontevedra e encarar a meta a través de Arcebispo Malvar.
"O terreo é moi crebado, será unha proba dura, aínda que o espectáculo está en man dos corredores", sinalou o director deportivo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Manuel Rodríguez, que se encarga da organización do evento.
"A nosa contorna é privilexiada para facer ciclismo tanto con fins competitivos como recreativos", dixo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentación do evento que tivo lugar este xoves no Concello. "Este ano non se sobe á Escusa", desvelou o vicepresidente da Federación Galega, Javier Cajiao, quen recoñeceu que o obxectivo é converter este gran premio nunha etapa da Copa de España para o próximo ano. "Fai case dez anos que non se celebra en Galicia unha proba da Copa de España", engadiu Rodríguez.
Relacionadas:
-
O Froiz finaliza terceiro no ranking nacional de ciclismo
Por Redacción |
-
Dous segundos dan o triunfo a Márquez (Lizarte) na Volta a Galicia. O Froiz gaña por equipos
Por Redacción |
-
Guillermo García, primeiro sub-23 en completar o III Memorial Rogelio Acuña
Por Redacción |
-
Pontevedra vai pola Copa do Mundo de ciclocrós
Por Manu Otero |
-
Xavier Meizoso e Tania López, campións da cronoescalada en bicicleta ao alto de Mesego
Por Redacción |