Alexis Vieitez remata no alto da táboa na primeira xornada da Subida á Escusa
Por Redacción & Cristina Saiz
Poio acolleu, este sábado, a primeira das dúas xornadas da Subida á Escusa, que este ano chegou á súa vixésima edición. Esta é unha das probas máis prestixiosas enmarcadas no Campionato Galego de Rally de Montaña, polo que é unha das datas máis esperadas do calendario poiense.
Máis de 90 vehículos de toda Galicia desprazáronse ao concello pontevedrés para tomar parte na cita. Isto supón que a deste ano, organizada pola escuadra Buxa Motor Poio, sexa unha das máis multitudinarias das celebradas.
No que respecta ao percorrido, o equipo decidiu manter o mesmo que nas últimas edicións, ao longo das estradas de Poio e Sartal.
Posto que a seguridade, tanto de corredores como espectadores, é o máis importante sobre todo neste tipo de competición, máis de 80 persoas encargáronse de velar polo correcto desenvolvemento da mesma, conseguindo que a xornada terminase sen sustos e que todos os presentes gozasen do automobilismo.
A actividade comezou ao redor das 15:30 horas deste sábado coa saída da primeira manga e alongouse ata última hora da tarde. Alexis Vieitez, da escuadra anfitrioa, coroouse como o gran campión das dúas probas, ao completar no menor tempo as dúas. A este seguíronlle Pablo Rey, do Martínez Racing, na primeira, e Sergio Varela, do Pontevedra 1984 Team, na seguinte.
Está previsto para este domingo, que sexa ben cedo na mañá cando comecen a soar os motores. Ás 9:30 horas xa estarán todos os participantes na liña de saída, dispostos a gozar da xornada definitiva da XX Subida á Escusa.
Consulta os resultados da primeira xornada da Subida á Escusa.