Hugo Soto convértese nunha dor de cabeza para o Portonovo e dálle a vitoria ao Ribadumia (1-3)
Por Redacción & Diego Torrado
O Portonovo, recentemente ascendido a Preferente, e o Ribadumia, recentemente descendido, medíronse, este domingo, nun dos primeiros derbis pontevedreses da tempada en Baltar. Os locais, que viñan de dúas derrotas consecutivas, encaixaron unha máis ao non ser quen de derrotar aos de Luís Carro, que con esta, xa suman catro xornadas ininterrompidas puntuando.
O choque comezou de fronte para a escuadra anfitrioa, que, aos dez minutos de xogo, xa se adiantaba no marcador cun gol de Franco Bentancor. Aos visitantes, con todo, custáballes chegar arriba, o que favoreceu que o partido se fose ao descanso co Portonovo como vencedor.
A segunda parte foi outro cantar. O dominio pasou a ser do Ribadumia, que, no 53', xa conseguira empatar cun tanto de Fran González (1-1). Con todo, a pesar da superioridade, tardaron os de Carro en poñerse por diante. Non foi ata o 85' que, dous goles consecutivos de Hugo Soto darían a vitoria e os tres puntos aos visitantes (1-3).
Pola súa banda, o Pontevedra B viaxou a Ponteareas para medirse ao Juvenil, que non viña de atravesar o seu mellor momento na categoría. Os de casa, con todo, conseguiron sumar, a pasada semana, a súa primeira vitoria en Preferente despois do ascenso. Pero esta, tocoulles encaixar unha dura derrota por goleada.
Diego Lorenzo converteuse nunha verdadeira dor de cabeza para os granates, xa que foron tres os tiros que este coou na portería de Cris Rosales. Diversos erros no xogo defensivo condenaron aos pontevedreses, que marcharon ao descanso cunha desvantaxe de dous goles (3-1). Foi Brais Bernárdez quen logrou reducir distancias antes do paso polos vestiarios.
Coa continuación, exactamente o mesmo. Rubén Besada sumou dous tantos máis para os seus no electrónico (5-1), ao que os visitantes puideron responder cun tanto de Samu Vilariño pouco antes do final, pero, xa non só sen marxe para reducir máis a renda, senón que, ademais, encaixaron un gol máis de man de Marcos Rodríguez (6-2).
O Carballo acolleu, este domingo, un cruzamento entre dous pesos pesados da categoría. Por unha banda, o líder de grupo ata o momento, o UD Atios, e, por outro, o recentemente descendido Céltiga, que sen dúbida, pelexa por recuperar a categoría, pero que, nesta ocasión, non tivo o seu mellor día.
Tres tantos de Fede Mintegui durante o primeiro tempo de partido (un deles de penalti) e un cuarto en propia porta de Emiliano Pastoriza no último minuto do choque condenaron aos visitantes a unha derrota por goleada. Tan só Rober Otero foi quen de reducir distancias no 79' nun encontro dominado polo Atios, pero sen oportunidade de conseguir, polo menos, a repartición de puntos (4-1).
O Villalonga recibiu, tamén este domingo, ao recentemente ascendido Polígono San Ciprián, que a pasada semana conseguiu a súa primeira vitoria do ano en Preferente ante o Portonovo. Os pontevedreses, pola súa banda, suman, con esta, a terceira consecutiva.
O primeiro tempo estivo moi igualado. Tanto que o choque se foi ao descanso cun 1-1 no marcador. O primeiro tanto correu en conta de Martín Domínguez, que puxo, durante varios minutos aos visitantes por diante no marcador. Con todo, no 39', Marcos Blanco respondeu co tanto do empate, rebaixando as esperanzas dos de Rubén García.
Coa continuación, o dominio pasou a ser do cadro anfitrión, que aínda que tardou en materializalo en electrónico, terminou por facelo no 71' por medio de Javi Vila.
O Xuventú Sanxenxo mediuse, este domingo, ao Atlético Arnoia, recentemente ascendido a Preferente que conseguiu, ante os do Salnés, a súa primeira vitoria da tempada. Os visitantes, pola súa banda, encaixan, tamén con esta, a súa primeira derrota do ano.
A pesar do resultado (1-0), o encontro estivo moi igualado desde o inicio. Despois dunha primeira parte sen goles, non foi ata o minuto 81 que Luismi Lago poñería ao seu equipo por diante no marcador. Algo ao que, tendo en conta o tempo restante, xa non puideron poñer remedio os de Manu Blanco.
O Beluso recibiu en As Laxes ao CD Valladares. Ambos os equipos se encuentan, despois de catro partidos nas últimas posicións da táboa. Os locais, por unha banda, continúan sumando puntos de empate (o último o deste domingo), e, por outra, os seus rivais, volven puntuar despois da derrota da pasada semana.
A primeira parte estivo moi igualada. Despois de irse ao descanso sen goles, a dinámica continuou sendo a mesma durante boa parte da segunda. Non foi ata o 68' que Adrián Buján conseguiu adiantar aos seus no marcador (0-1). Non inmediatamente, os locais responderon, establecendo as táboas (1-1) e terminando, unha semana máis, coa repartición de puntos.
Consulta a acta do CD Beluso-CD Valladares.
O Juventud Cambados recibiu en Burgáns ao CD Moaña, un dos equipos máis complicados da categoría, que desde o inicio desta tempada ocupa unha posición alta na táboa. Os locais, pola súa banda, sitúanse na parte media ao estar unha xornada sen puntuar.
Nesta ocasión, o choque estivo moi igualado. Non foi ata o último minuto da primeira parte que Perfe marcou o gol do 1-0, poñendo ao seu equipo por diante xusto antes do descanso. E foi xusto coa continuación cando o Moaña, por medio de Marcos Germán, igualou o encontro. Xa nada puideron facer por desfacer as táboas e sumar os tres puntos, tendo que conformarse ambos coa repartición.
Relacionadas:
-
O Pontevedra B suma os seus tres primeiros puntos en Preferente á conta do Mondariz (2-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B encaixa, ante o Céltiga, a súa segunda derrota do curso en Preferente (2-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B cae no seu regreso a Preferente ante o Cambados e o Ribadumia-Céltiga remata en tablas
Por Redacción |