Gómez Noya volverá competir con licenza galega no 2020
Por Manu Otero
O pentacampeón do mundo de tríatlon, Javier Gómez Noya, volverá competir con licenza galega a partir de xaneiro do 2020. Así o confirmou o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Gonzalo Triunfo, despois do acto de presentación da sección de tríatlon do CGTD que tivo lugar este martes en Pontevedra. Por motivos administrativos, o deportista rematará o ano con ficha nacional para incorporarse logo á disciplina da Fegatri.
O propio presidente xa confirmara a PontevedraViva no mes de xullo que a Federación estaba en negociacións co triatleta afincado en Pontevedra para que volvese competir con ficha federativa galega. O nomeamento nese mesmo mes do seu adestrador, Carlos David Prieto, como director técnico do ente autonómico así como a entrada dunha nova directiva e a saída de Omar González do organigrama do combinado co que o triatleta do Fluvial de Lugo tivera discrepancias terminaron por achegar de novo a Gómez Noya a Galicia.
"El seguiu adestrando en Pontevedra e competindo co seu club", puntualizou Gonzalo Triunfo. A única diferenza é que a partir de agora a Fegatri beneficiarase tamén dos logros obtidos polo pentacampeón nos campionatos nacionais nos que participe.
No acto deste martes, o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete lasa, agradeceu a presenza do triatleta nado en Ferrol na presentación do equipo galego. "Nunca deixou de estar, pero agora farao de forma máis clara", remarcou.
A renuncia de Gómez Noya á licenza federativa galega produciuse en marzo do 2016 por "uns feitos moi graves acontecidos contra a miña persoa de certa persoa que representa á federación", publicou naquela época La Voz de Galicia. Cos cambios no organigrama federativo, as relacións normalizáronse e o triatleta máis laureado de todos os tempos volve lucir o escudo galego.
Relacionadas:
-
A preparación de Gómez Noya para os Xogos Olímpicos pivotará sobre as Series Mundiais
Por Diego Espiño |
-
Javier Gómez Noya e Iván Raña recibirán a Orde Olímpica do COE
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya vence no Ironman de Malaisia e consegue o billete directo para Hawaii 2020
Por Almu Dapena |
-
Javi Gómez Noya pecha a súa tempada en Malaisia co billete para o Ironman de Hawaii 2020 en xogo
Por Diego Espiño |
-
Ouro para Gómez Noya no Ironman 70.3 de Cascais
Por Almu Dapena |
-
O dúo que forma aos herdeiros de Gómez Noya
Por Manu Otero |
-
O adestrador de Gómez Noya é o novo director deportivo a Federación Galega de Tríatlon
Por Manu Otero |
-
A Federación Galega explica a marcha de Gómez Noya como un "conflito persoal" co seu ex-adestrador
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya renuncia a competir con licenza galega por discrepancias coa Federación
Por Redacción |