O mellor baloncesto de Galicia dáse cita esta fin de semana en Marín
Por Redacción
O pavillón marinense da Raña acollerá este venres a disputa da semifinal da Copa Galicia que enfrontará ao Peixe Galego co Club Ourense Baloncesto. Os de Marín derrotaran na fase previa ao Leyma Coruña no seu primeiro encontro de pretemporada e os ourensáns fixeron o propio co Breogán. Na final, que se disputará o domingo ás 12.30 horas, espera o Obradoiro ao vencedor.
Esta mañá no vestíbulo do Concello de Marín tivo lugar a presentación oficial do campionato, que volve organizar a escuadra peixiña. A competición retomarase o venres ás 18.30 horas coa pelexa polo cuarto posto en xogo entre coruñeses e lucenses. Ás 20.30 disputarase a semifinal con acceso gratuíto para os menores de catorce anos, mentres que o prezo das entradas para os maiores ascende a 5 euros e permite asistir aos dous partidos da xornada. Para a final, o prezo é de 10 euros para os maiores de catorce anos.
Ao acto asistiron a alcaldesa, María Ramallo; o secretario xeral para ou deporte, José Ramón Lete Lasa; a presidenta do Peixe Galego, Rebeca Simes; o director xeral do Obradoiro, José Luis Mateo; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; o responsable de área do patrocinador do evento EDP Revables, Juan Rey; e os concelleiros de Deportes, Antonio Traba e Antonio Caíña.
“Somos un concello mediano que nin nos seus mellores soños pensou ter un equipo do nivel do Peixe”, destacou a rexedora, María Ramallo. Tamén destacou o papel do equipo Lete Lasa. "Marín xa era coñecido pola Escola Naval, polas súas praias e polo seus petrógifos. Agora tamén é coñecido polo seu baloncesto”, remarcou.