O Peixe cae contra o COB e queda fóra da final da Copa Galicia
Por Manu Otero
O Peixe Galego queda ás portas da final da Copa Galicia que celebra a súa fase final esta fin de semana na Raña. O conxunto de Javi Llorente foi incapaz de derrotar ao Club Ourense Baloncesto, que venceu por un contundente 75 a 95 aos locais e disputará o domingo a final contra o Obradoiro.
A pesar da avultada derrota, a igualdade foi a tóniica dominante durante a maior parte do encontro. Os marinenses iniciaron o partido cunha marcha máis que os seus rivais e grazas ao acerto anotador de Jacobo Díaz e Taiwo Badmus chegaron ao final do primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe no marcador (29-25).
Ante a ameaza de quedar fóra da final, os visitantes, que este ano volverán aspirar ao ascenso a ACB, apertaron os dentes e conseguiron reducir as diferenzas ata darlle a volta ao marcador e irse con vantaxe aos vestiarios (48-51).
O partido cambiou de forma radical nos dous últimos cuartos. A igualdade que reinara ata o descanso disipouse e o Ourense dominou por completo o choque. O Peixe baixou o nivel en defensa e foi incapaz de recuperar o ton anotador da primeira parte. Aos poucos a vantaxe foi crecendo ata os vinte puntos favorables aos de Ourense cos que se chegou ao final do partido.