A falta de puntería e unha nefasta arbitraxe condenan ao Pontevedra fronte ao Atlético Baleares (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Inxusto, pero así é o fútbol. Os pecados páganse e o Pontevedra cometeu o máis grave de todos eles, o de non aproveitar as oportunidades que tivo fronte a un Atlético Baleares que se conformaba co empate e atopouse cun "agasallo" inesperado en forma dun gol na única ocasión na que pisou areá granate en toda a segunda parte. A iso hai que sumarlle unha actuación arbitral tremendamente desafortunada, que ignorou dous claros penaltis na área visitante, ambos na primeira parte.
Entretida primeira parte, con ocasións para os dous bandos e equilibrio no xogo e o mando. O Pontevedra xerando máis fútbol, especialmente cando se asociaban Romay e Álvaro Bustos, e o Atlético Baleares con algo máis de precaucións defensivas, pero sen renunciar a irse arriba en canto presentábaselle a oportunidade.
Pero, por encima de todo, o protagonismo deses primeiros 45 minutos recaeu no colexiado, que ignorou dous claros penaltis na área balear provocando o lóxico enfado entre a parroquia local, especialmente no segundo sobre Álvaro Bustos, no que estaba tan preto que pareceu imposible que non apreciase o claro agarrón sobre o xogador granate.
Avisou primeiro o Pontevedra, nunha contra tres para dous ben levada por Álvaro Bustos pero mal resolta por Adighibe, que disparou desviado.
Peris daría a oportuna réplica nunha chegada por banda finalizada cun duro remate que obrigou a Edu a empregarse a fondo para desviar a corner.
Logo chegarían en apenas sete minutos, as dúas xogadas polémicas. Primeiro Aurtenetxe curtou co brazo claramente despregado en "modo avión". O colexiado non quixo velo e o seu asistente, segundos máis tarde, quixo "remendar" a faena, sinalando un suposto fóra de xogo cando ningún atacante granate fixera a máis mínima intención de atacar o balón. Logo, Álvaro Bustos encarou a Vallori que agarrouno derrubándolle dentro da área nas mesmas narices do colexiado, que tampouco apreciou nada punible, entre a desesperación do atacante granate e a rifa da bancada.
Xusto antes do descanso, co conxunto visitante tirando de "recursos" para cortar o ritmo do partido no que o Pontevedra comezaba a sentirse mellor, chegaba a mala noticia para o técnico local, que se vía obrigado a facer o primeiro cambio, por lesión de Campillo que retirouse con problemas nos isquios, dando entrada a Jaouad.
O da segunda parte é complicado definilo salvo dicir que os erros páganse e a falta de acerto no remate máis. O Pontevedra fíxoo todo, xerou fútbol e ocasións suficientes para gañar con claridade fronte a un rival que non pasou do centro do campo máis que na acción a balón parado da que naceu o seu gol. Ata entón o seu fútbol limitouse a tentar que se xogase o menos posible e confiar nesa xa endémica falta de puntería dos de Luismi.
Adighibe tivo a primeira, rematando de cabeza ás mans do meta visitante. Logo viría a mellor da mañá, nun voleón de Álex González que sacou voando literalmente xunto ao traveseiro Manu Herrera.
As dous seguintes serían para Álvaro Bustos, que tampouco acertou, como non o faría Pedro Vázquez, cruzando demasiado o seu remate.
Sen sinais de vida dos baleares e co Pontevedra buscando abrir a lata, chegou o mazazo cando o partido tocaba ao seu fin. Unha falta inexistente no vértice da área acaba cun balón de lado a lado que Luca Ferrone mete na área. Edu salvou o primeiro remate, pero o balón queda solto e Gabarre aproveita para conseguir un inxusto premio para os seus.
O oficio impúxose, o espectáculo sufriuno xa que os de Manix Mandiola, fieis ás ideas do seu técnico, foron tan prácticos como aburridos na súa proposta.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Campillo (Jaouad, minuto 45), Víctor Vázquez, Pol Bueso, Álex González; Álex Fernández, Berrocal (Sana, minuto 79); Álvaro Bustos, Romay, Javi Pazos (Pedro Vázquez, minuto 65); e Adighibe.
ATLÉTICO BALEARES (1): Manu Herrera; Luca Ferrone, Vallori, Aurtenetxe, Peris; Villapalos; Jorge Ortiz (Rovirola, minuto 59), Jordan Willian (Pedro Orfila, minuto 67), Iturraspe, David Haro (Arturo, minuto 79); e Gabarre.
Árbitro: Alberto González Hernández (Castelán-leonés), auxiliado nas bandas por Javier Gómez Gago e Alberto Sánchez Ingidua. Amoestou a Álex González e Pol Bueso, no Pontevedra, e a Jorge Ortiz, Vallori, Jordan Willian, Peris e Arturo, no Atlético Baleares.
Goles: (0-1) Minuto 88: Gabarre.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Unhas 1.700 persoas en xornada matinal.