O Fondo Norte de Pasarón rebélase contra a composición do grupo I da Segunda B
Por Manu Otero
Pasarón recibiu este domingo ao primeiro dos visitantes exóticos que pasarán esta tempada polo feudo granate. Do mesmo xeito que lle ocorreu ao Pontevedra unha semana antes cun desprazamento de 2.400 quilómetros en 48 horas, o Atlético Baleares plantouse na cidade do Lérez tras un dos desprazamentos máis longos da campaña.
Con motivo desta inusual visita, nunca os equipos galegos foran encadrados no mesmo grupo de Segunda B que os baleares, os afeccionados do colectivo Siareirxs Granates despregaron unha pancarta en sinal de protesta contra a composición do grupo. " Proximidade xeográfica? 1.200 quilómetros, manda carallo", recollía o escrito cunha boa dose de retranca, que non tardou en viralizarse polas redes sociais.
"A idea xurdiu cando se creou o grupo cos insulares. Cada vez que se xogue contra un equipo das illas, ademais do Melilla, quitarase unha pancarta reivindicativa porque nos parece unha broma como se formou este grupo", explica José Malvar, un dos portavoces do colectivo.
Os afeccionados do Pontedra senten directamente prexudicados pola composición do grupo. "Xogamos con horarios de merda e os seareiros non poden viaxar para ver aos seus equipos", critica outro seareiro, que considera tamén un malgasto que a Federación teña que sufragar os desprazamentos destes equipos.
O obxectivo desta iniciativa é mostrar o malestar coa Real Federación Española de Fútbol que obviou un dos principais criterios, o de proximidade xeográfica, para confeccionar o grupo I da Segunda B. Con todo, as esperanzas de conseguir algún resultados son mínimas. "Eles mandan", lamentan con resignación.