Chamamento desesperado do Pontevedra ante o escaso apoio á ampliación de capital
Por Diego Espiño
A ampliación de capital do Pontevedra Club de Fútbol encara a súa fase final (péchase o día 21) e os seus números están moi lonxe do desexado polo Consello de Administración granate.
Segundo os datos trasladados este mércores polo presidente en funcións, José Manuel Fernández, ata o momento tan só 155 particulares e empresas participaron no proceso subscribindo 6.041 accións, polas que desembolsaron 12.082 euros.
A cifra queda moi lonxe polo tanto das 200.000 accións e 400.000 euros que pretende recadar o club coa ampliación de capital, o que motivou o chamamento de Fernández non só a afeccionados, socios e accionistas da entidade, se non a toda a cidade: "hago un requerimiento a comercios, hostelería o particulares para que participen, el club lo necesita".
En total foron 83 accionistas, 43 deles na primeira fase, e 72 empresas ou particulares os que participaron na ampliación, sendo tan só 1.000 as accións subscritas no primeiro prazo, o que supón unha cantidade de 2.000 euros.
Para o presidente do Consello estes números son demasiado "fríos", pero móstrase esperanzado cos 18 días que restan para o fin do proceso. Para iso, asegura, necesítase o apoio de todos, mesmo os críticos á actual xestión: "si no hay generosidad, si no hay altura de miras y estar por encima de los individuos este club realmente tiene los pies de barro. El dinero no es para el Consejo, es para el club, hay que aparcar las diferencias hasta acabar el proceso".
Fernández estendeu o seu chamamento aos peñistas e siareiros, ao entender que se trata dun momento de "proceso democratizante" no que todos poden conseguir ter voz nas decisións da entidade: "a las peñas que dicen que sentirse abandonadas, que quieren más al club que nadie, que dicen que están siempre a su lado, les digo que remen todos en la misma dirección, la suscripción de acciones".