A coraxe do Peixe Galego foi insuficiente para evitar unha clara derrota no seu debut en LEB Oro (82-66)
Por Manu Otero
O Marín Ence Peixe Galego iniciou con derrota a súa campaña de regreso á LEB Oro, os de Javi Llorente. inexpertos na categoría e con menos rodaxe que o seu rival, foron incapaces de frear o empuxe do Valladolid que na primeira parte deixou practicamente sentenciado o encontro. Tras o paso por vestiarios, a escuadra marinense axustou a súa defensa e conseguiu igualar as forzas, pero a diferenza no marcador era xa demasiado ampla como para soñar coa remontada.
O Valladolid dera mostras dun bo entendemento entre as súas pezas xa durante a pretemporada e iso notouse no arranque do partido inaugural da nova tempada. En só seis minutos os de Hugo López desmarcáronse no marcador cun 2+1 protagonizado por Tom Granados. Atascado o Peixe, os locais puxeron a directa cara á primeira decena de tantos de diferenza grazas ao acerto exterior dun Frank Bartley, moi enchufado no seu debut no Pisuerga (25-13).
No segundo cuarto emerxeu a figura de Sergio de la Fuente que comezaba a campar ás súas anchas polo poste baixo. Pediu dous tempos mortos Javi Llorente que non serviron para evitar que a sangría marinense superase os vinte puntos. Ao descanso chegouse cunha abismal diferenza de 28 puntos (53-25).
Pero se algo caracteriza ao cadro da Raña é a súa capacidade de sufrimento, de non baixar os brazos nunca. Na segunda parte foron capaces de deixar ao lado o marcador para centrarse en construír os seus cimentos como equipo capacitado para loitar pola permanencia. Primeiro soubo fortalecerse en defensa para logo crecer en ataque.
Foi entón cando xogadores con talento como Tai Badmus puideron mostrar o baloncesto que levan dentro. Coas súas penetracións, parecía que o Peixe podería chegar a meter o medo no corpo aos valisoletanos, pero Hugo López fixo reaccionar aos seus para evitar a remontada visitante e manter o colchón dos vinte puntos.
O Peixe esgotou as súas forzas nun último cuarto no que logrou minimizar a derrota e obter conclusións positivas sobre as que construír o soño da permanencia (82-66).
Relacionadas:
-
O Peixe Galego espera o Guipúzcoa sen Mazaira, que estará un mes de baixa
Por Manu Otero |
-
O Peixe Galego espera dar un paso adiante contra un dos favoritos ao ascenso
Por Manu Otero |
-
O Peixe cae fronte ao Cáceres no debut ligueiro na Raña (64-75)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Raña volve ser escenario de LEB Oro cun partido directo pola permanencia
Por Manu Otero |
-
O Peixe Galego desaparece da televisión
Por Manu Otero |
-
A nova singradura do Peixe Galego no océano da LEB Oro
Por Manu Otero |