O Peixe Galego desaparece da televisión
Por Manu Otero
Os seguidores das retransmisións televisivas do Marín Ence Peixe Galego terán moi complicado ver os partidos do seu equipo esta tempada. Os dereitos de emisión da liga LEB Oro pertencen desde a tempada pasada, e para os próximos tres cursos, a LaLigaSports, que só emitirá pola súa canle de Youtube a aqueles equipos que cumpran cuns estritos e custosos requisitos de produción. "Os partidos de casa nós non os imos dar", asume con resignación o directivo marinense, Andrés Otero.
"LaLigaSports prioriza a calidade sobre a cantidade", explican desde a Federación Española de Baloncesto. A produtora só emitirá dous partidos por xornada con medios propios, pero publicarán tamén o sinal daqueloutras canchas que cumpran coas súas esixencias técnicas: catro cámaras, unha liña propia de grafismos e que o club anfitrión asuma os gastos de envío do sinal. "Para nós non é viable", afirma Otero.
A afección do cadro da Raña xa padeceu os efectos desta nova política audiovisual no debut do seu equipo este mércores en Valladolid. "Recibín chamadas de moitos afeccionados preguntándome como podían ver o partido e xa lles dixen que era imposible, non se televisaba", lamenta o directivo.
A Federación asinou un contrato de cinco tempadas con LaLiga para a emisión da LEB Oro. A contraprestación económica que reciben os equipos da liga, explican desde a FEB, é lixeiramente superior aos 8.200 euros. "O diñeiro que nos dan benvido sexa, pero non nos quita de pobres", matizan no Peixe, club desde o que consideran que este acordo "quítalle visibilidade á liga".
Outro dano colateral deste contrato televisivo é a perda dos dous comentaristas, empregados do Peixe Galego, que narraban na Raña todos os partidos de liga. Os seus comentarios, ao máis puro estilo NBA, motivaron os eloxios dos seguidores da LEB Prata e tamén do resto de equipos da categoría. "Téñennos dito que eramos dos mellores e a Toño (directivo e médico do club) xa lle dixen que ía ser o novo Daimiel", recoñece entre risas Andrés Otero.
O feito de non televisar todos os partidos non afectará á parcela deportiva, posto que os clubs de LEB Oro teñen a obrigación de gravar todos os partidos, aínda que sexa cunha soa cámara, para subilos logo a unha plataforma á que só os clubs teñen acceso. Estes vídeos sérvenlle aos corpos técnicos de cada equipo para realizar os informes sobre os seus rivais.
Aínda que a maioría dos partidos quedarán sen cobertura televisiva, aínda non está todo perdido. LaLigaSports ten acordos con algunhas televisións autonómicas como a asturiana ou a de Melilla para emitir os partidos que aqueles equipos xoguen como locais. Tamén a TVG comprometeuse a emitir os derbis galegos da categoría e algúns clubs como o Almansa asumen con medios propios a emisión dos seus encontros.
Relacionadas:
-
O Peixe cae fronte ao Cáceres no debut ligueiro na Raña (64-75)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Raña volve ser escenario de LEB Oro cun partido directo pola permanencia
Por Manu Otero |
-
A coraxe do Peixe Galego foi insuficiente para evitar unha clara derrota no seu debut en LEB Oro (82-66)
Por Manu Otero |
-
A nova singradura do Peixe Galego no océano da LEB Oro
Por Manu Otero |